Praza de Abastos (e II)

Despois de escribir no artigo anterior sobre as escaleiras da Praza de Abastos, fixéronme chegar unha serie doutras opinións críticas á por min expresada. En cada feito social, claro está, pode darse, e de facto se dan, moitas opinións que se corresponden co punto de vista ou a perspectiva de quen emite cada unha delas.

No meu caso, expresei a miña perspectiva para, desde ela, emitir un xuízo sobre esa novidade, chamada mellora. Para cumprir co deber de nos facer entender, expresándonos adecuadamente, permítome continuar co asunto.

Non podemos -no meu caso porque son leiga na materia- falar das características ou do valor arquitectónico das citadas escaleiras. Mesmo poden ser, poderían ser, unha obra inigualábel na arte da arquitectura, e no meu caso seguiría dicindo o mesmo: non son funcionais, non serven na Praza mais que para axudar ás caídas das usuarias/os. Nunha cidade, Lugo, que se caracteriza por condicións meteorolóxicas duras no inverno, que sofre de invernos longos, e na que ás veces chove, e outras xea, continúa a parecerme un disparate pór unhas escaleiras exteriores na fachada de Santo Domingo.

Deixan de ser unha mellora no acceso á Praza cando en troques de eliminar barreiras, constrúense unhas de moi dubidosa garantía de uso para os válidos, xa non dicimos ren se tratamos dunha/dun usuaria/o con carriño e paraugas: como debe proceder?; pedirlle a alguén que a/o axude co carriño?; deixar o paraugas ao pé da escalinata, subir o carriño, deixalo arriba e logo baixar polo paraugas?; subir todo sen se poder apoiar no pasamáns, esvarar e caer por falla de apoios? Unha vez no chan, como aconsella o Concello no ‘Manual de uso de escaleiras en edificios públicos’ que se debe actuar?

Tampouco é útil o acceso en rampa que conduce ao semisoto da Praza. Sendo así, para que son as escaleiras? Para ocupar un espazo considerábel no que antes era unha beirarrúa continua na Praza de Santo Domingo? Agora, coa escaleira, é preciso, para chegar á rúa Quiroga Ballesteros, bordear o espazo ocupado polas escaleiras, rampas e máis escaleiras na beirarrúa. Estarei eu totalmente errada na perspectiva e habería que ver esta obra como unha homenaxe ás escaleiras? Se for así, temos que falar doutra forma.

A Praza de Abastos necesita sobre todo e antes que nada clientes. Produtos hai e habería moitos máis se existise unha corrente continua de compradores.

Clientes son, sobre todo, as residentes no casco, persoas de certa idade superior que, mantendo os hábitos de compra do pasado, teñen porén outras necesidade de acceso e circulación. Atraer outros tipos de clientes conséguese con outros horarios, facilidades de acceso -por exemplo gratuidade no aparcamento- desde lugares non próximos, garantía de calidade nos produtos (que en frescos é inigualábel), e ter vontade política de que prime a venda e distribución dos produtos de proximidade, procedentes de producións propias, sobre a lóxica das grandes distribuidoras que supoño se alegran moitísimo con cada fracaso da distribución de alimentos en terreo público como é unha Praza de Abastos.

Comentarios