Pratos con sabor a mel da montaña de Muras

A segunda edición da feira do Viveiró serviulles a nenos e adultos para descubrir as posibilidades culinarias dun produto "único"
Un intre do concorrido obradoiro de cestos de Xanela Ocio
photo_camera Un intre do concorrido obradoiro de cestos de Xanela Ocio

"Hai tres séculos xa se cociñaba con mel", asegurou o cociñeiro Antonio Díaz, do restaurante Andarubel das Fragas do Eume (Pontedeume), no showcooking que protagonizou na II Feira do Mel de Montaña de Muras. E para probar as posibilidades culinarias deste e doutros produtos do outono, deseñou un menú de seis pratos para o público. 

Empanada de cogomelos da fraga con panceta de porco celta, navalla a baixa temperatura con escupa de mel e cítricos, pescada ao vapor con pataca machacada con oliva galega e caldo expreso mar de fraga e lombo de porco celta asado ao teriyaki de mel sobre puré de castaña foron as propostas de Díaz, culminadas cun arroz con leite negro feito con trompetas da morte e trufas de castaña con chocolate e baño de mel. E se pola mañá a xente fixo cola para saborear estas delicatessen, pola tarde os nenos xogaron a diferenciar sabores e prepararon o seu propio menú nun obradoiro con Antonio Díaz, que repetiu a postre de trufas matutino, sumándolle flan de mel, pizza caseira e batido de plátano e mel. 

"Esta iniciativa é tremenda, porque é moi importante protenciar os produtos do rural e da propia zona, así deberían ser todas as festas gastronómicas", sentenciou o cociñeiro, que se rodeou do seu equipo do Andarubel. 

Aqueles que quixeran probar os consellos do chef nada máis chegar á casa podíanse facer xa na feira con algúns dos ingredientes, grazas á presenza de 15 stands, nove deles de mel, tanto da zona coma doutros puntos de Galicia. Algúns repetían, pero outros, coma Mel O Castelo, acudían por primeira vez á feira. "A iniciativa está moi ben porque promociona os produtos de aquí e move a xente dos arredores, e está xenial que sexa na zona rural", din uns produtores cuxas colmeas están en Coruxos. Aínda que levan pouco tempo, entraron con bo pé, ao ver recoñecido o seu produto na cata da Casa do Mel de Goente, entidade tamén presente onte na feira. 

Outra das debutantes foi a panadería Muras. A súa responsable, Isabel Maseda, amosouse "encantada" coa experiencia, ata o punto de asegurar que tería que haber "polo menos unha feira ao mes". 

A maiores de comer ou de comprar produtos da terra, os asistentes poideron aprender a facer cestos no concorrido obradoiro de Xanela Ocio ou botar un pé ao ritmo do grupo de gaitas Axóuxere de Roupar e da escola de Covas. 

"Temos un mel único, o mellor do mundo", din dende o Concello, promotor dunha feira con vocación de continuidade que busca "dinamizar a economía local e pór en valor todo o vencellado co campo". "Con eventos coma este, dos que se fala en toda Galicia, queremos que a xente de Muras se sinta orgullosa de pertencer a este concello", conclúen.

Comentarios