Praias

Ando estes días as rúas como se fose a praia. Busco no lastrado a sombra do meu corpo na area, o resol da mañá primeira, o murmurar da escuma entre as dedas. Ando estes días a rúa como se fose a praia. Lene, lene, cos pés pechados pola friaxe e os pasos lentos, esvaradíos pola chuvia que non cesa. Ando estes días como se fose verán e Uxío Novoneyra perfumase o aire que respiro coa súa Muller pra lonxe: ''Andas as rúas coma se fora a praia; lene, lene entras na carta; i escribes diante frores murchas; a fibela do meu traxe sigue tan benfeita''. E estes días de auga, cando non remata a primavera e se achega xa o outono as ondas do mar chaman por unha dende Fisterra. Con ansia. Con impertinencia. Coa certeza de que o seu tempo acaba mesmo antes de comezar. E di o poeta do Courel: ''Ouh muller para lonxe; pra aquil que tral'o locir d'intres nada pode haber diario; chegas do NORDE; pasas da saga á cantiga levando sola a gran imaxen; soños; vir a tempo; súpeta creba a forcia dos isolados; g r a n d e s; a l t o s; pra cair''. Por iso, nestes días de chuvia, camiño as rúas de Compostela coma se fose a praia. Lene, lene, agardando un verán que nunca dá chegado. E a forza dun suspiro quere ser alivio pero só chega a saudade.

Comentarios