Postos a reclamar…

O nomeamento de Pedro Morenés como ministro de Defensa sacou á luz un asunto que, de non se producir este feito, pasaría desapercibido para a maioría de nós. O tal ministro foi conselleiro até 2007, e representante até o 4 de outubro de 2011, da empresa Instalaza. A cousa non merecería máis comentario se a tal empresa non fose a fabricante das bombas de acio, esas terríbeis armas sementadoras de morte que se abren e deixan caer outras bombas de diferentes tipos.

Para os que subscriban a máxima latina «Si vis pacem, para bellum» (Se queres a paz, prepara a guerra), talvez sexa moi axeitada a elección do ministro. Quen considere que o único xeito de manter a paz é preparar a paz, terá serias dúbidas sobre a oportunidade de Morenés para tal ministerio. Mais non é ese o motivo deste artigo.

Instalaza, segundo se soubo o 31 de outubro de 2011, reclámalle ao Estado 40 millóns de euros por asinar España o tratado internacional que prohibe este tipo de armamento. A deputada Laia Ortiz, de Iniciativa per Catalunya Verds, rexistrou unha pregunta no Congreso preguntándolle ao ministro se vai atender a reclamación e denunciando, asemade, un posíbel conflito de intereses.

Se a demanda obtén unha resposta afirmativa, velaí algunhas reclamacións que suxiro que se poñan tamén a andar. Coido que, en todo caso, sempre nos referiremos a produtos menos nocivos que as bombiñas esas de marras. Como se trata dunha brincadeira, ás veces viaxarei no tempo e no espazo, sen ter en conta que me inmiszo en asuntos doutros países ou que os feitos, no hipotético caso de ter base xurídica as demandas, prescribirían hai moitos anos.

Podemos comezar pola Lei Seca que rexeu nos Estados Unidos de 1919 a 1933 e que, por moito que beneficiase a traficantes como Al Capone, prexudicou a moita xente honrada. Das mesmas datas aproximadamente debía ser un xarope contra a tose en cuxo prospecto (tíveno nas mans non hai moito) se podía ler: «con heroína». Supoño que o xarope desapareceu coa prohibición desta substancia. Habería que engadir todos os medicamentos retirados por se comprobar que tiñan efectos secundarios nocivos, desde logo menos letais que as bombas de acio. Súmense tamén os fabricantes de amianto, de pararraios radioactivos, os cultivadores e expendedores de tabaco, diminuído o consumo como froito das campañas promovidas desde Sanidade e mais pola limitación dos espazos en que se pode fumar..., etc. E, xa postos a reclamar, podemos pedir unha indemnización por virmos ao mundo sen un manual coas instrucións de uso.

E agora en serio: non ousen preguntar por esa trampa das participacións preferentes e outros abusos da banca, ou canto repartiu Instalaza nos días en que obtiña beneficios a custa de fabricar morte en cadea. Axeónllese e fagan a venia: están en presenza do divino Capital

Comentarios