Posibles abusos nos contratos do leite

NAS ÚLTIMAS semanas algunhas industrias están a obrigar a asinar contratos de tres meses aos gandeiros baixo a ameaza de deixar de recollerlles o leite no caso de non aceptalos. É unha situación que se trata de xustificar na aprobación dun decreto do Ministerio de Agricultura de comezos do pasado mes de outubro que establece a obrigatoriedade de realizar contratos por escrito para a compravenda de leite. Con todo esta práctica habería máis ben que cualificala como dunha situación de abuso por parte daquelas empresas que a están practicando e que nunca antes ofreceran eses contratos aos gandeiros. Agora aparentan cumprir ese decreto cando en realidade esta práctica non concorda cos obxectivos de establecer uns contratos como resultado ter negociado antes o prezo.

O ministerio é corresponsable desta situación pola confusión ocasionada por un Decreto que declara a obrigatoriedade dos contratos por un período mínimo dun ano sen antes ter establecido e axudado a desenvolver os instrumentos necesarios para a súa aplicación. E sobre todo por ter incluído a posibilidade de realizar contratos por períodos máis curtos, sempre que contasen coa renuncia por escrito do gandeiro. Isto é o que están a aproveitar agora algunhas industrias para realizar eses contratos, forzando a renuncia do gandeiro coa ameaza de non seguirlle recollendo o leite e impóndolles as súas condicións de prezo.

Actualmente a situación é certamente indefinida e provisional como resultado dun decreto que obriga a ter uns contratos por escrito cando por outra banda non se estableceron as organizacións de produtores ás que os gandeiros deben ceder a capacidade de negociar no seu nome o prezo do leite coa industria, para poder establecer despois os contratos por escrito. Este é o modo de actuación previsto e impulsado desde a política agraria da Unión Europea para poder equilibrar as relacións entre ambas as partes, dandolle ás novas organizacións de produtores un maior poder de negociación, polo maior volume de leite que van representar e que antes non tiñan os gandeiros por separado.

Por iso, que algunhas industrias estean a utilizar a parte do decreto que lles favorece, coa obrigatoriedade dos contratos que aínda non se está esixindo, deixando á marxe a outra de negociación do prezo, é unha actuación de abuso que lle dá a súa posición dominante con respecto aos gandeiros individuais, antes que de un interese por cumprir coa nova norma.

Non se estableceron as organizacións de produtores ás que os gandeiros deben ceder a capacidade de negociar o prezo do leite

Comentarios