Portomarín reúne 300 maiores na comida anual da Festa do Ramallo

Paso da procesión por unha rúa de Portomarín (Foto: Guille Dacal)
photo_camera Paso da procesión por unha rúa de Portomarín (Foto: Guille Dacal)

Os veciños de Portomarín volveron onte engalanar as rúas do centro da vila para celebrar a Festa do Ramallo. A procesión foi o acto principal e, como cada ano, o máis vistoso. Ó remate, tivo lugar a habitual comida de maiores, que dende hai anos se organiza coincidindo con esta festa.

O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, cedeu a presidencia da procesión ós pais do único neno que fixo onte a primeira comunión. «Quixen darlle deste xeito protagonismo que merece o pobo», explicou.

Este xesto repetiuse na posterior comida, na que non houbo mesa presidencial e tanto o alcalde como a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, ocuparon un lugar sen distinción entre os asistentes, uns 300 veciños maiores de 65 anos chegados de todas as parroquias do municipio.

Os maiores que acudiron á comida puideron desfrutar dunha animada sobremesa, que estivo amenizada polo trío Pecados.

A partires das sete da tarde, os que quixeron desprazáronse ata a praza do Concello, onde houbo unha actuación do grupo folclórico local Río Miño.

O Concello quixo agradecer a asistencia dos veciños cun agasallo para os de maior idade. Correspondéronlle a José López Gómez, de 89 anos e residente en Castromaior, e a Florinda Navia García, de 98 anos e veciña de Cortapezas.

Os máis lonxevos

Houbo tamén un recordo para os máis lonxevos do municipio, Carmen Pol Soengas, de 101 anos, e Emilio Rey Bruzos, de 98 anos. Non estaban presentes, pero si asistiron os seus fillos, que xa teñen máis de 65 anos, e foron eles quen recibiron o agasallo dirixido ós seus respectivos pais.

O alcalde, Juan Serrano, valorou a gran aceptación que ten este evento cada ano e xa onte barallaba a posibilidade de incluir novidades para a próxima edición. «Sería interesante incorporar novidades para darlle animación á festa e facela aínda máis atractiva», indicaba.

Serrano valorou tamén a convivencia entre xeracións dunha celebración como a de onte. «Moitos dos rapaces que tocaron ou bailaron son netos dos asistentes á comida de maiores», apuntou.

Comentarios