Portomarín abrirá en outubro unha Casa Niño para a atención infantil

É un proxecto piloto da Xunta que contará con 34.000 euros ► As obras van empezar en breve na Casa do Veterinario
A Casa do Veterinario
photo_camera A Casa do Veterinario

Portomarín prevé abrir ao longo do próximo mes unha das 30 Casas Niño subvencionadas pola Xunta e destinadas á atención de nenos de entre tres meses e tres anos de idade. As reformas –que se levarán a cabo dun xeito inminente– contarán cun orzamento duns 34.000 euros. Todas as prazas serán gratuítas, coa particularidade de que haberá distintos turnos ao longo do día, podendo estar soamente xuntos cinco nenos en cada un deles. 

O edificio onde se desenvolverán as reformas é a Casa do Veterinario, situada na Rúa Peregrino. As obras afectarán só á planta baixa, a futura gardería, que se equiparará cunha cociña, unha sala de descanso, unha zona de xogos común e máis os aseos. 

Na planta derriba, vivirá a coidadora, que conta cun título relacionado co eido educativo –requisito indispensable– e que realizou un curso específico de formación ofrecido pola Xunta. "O feito de que a responsable dos cativos viva nas propias instalacións implica que ela terá unha disponibilidade horaria ampla para atendelos", explicou Margarita Viña Santos, asistenta social do Concello. 

"O feito de que a responsable dos cativos viva nas propias instalacións implica que ela terá unha disponibilidade horaria ampla para atendelos"

A praza da educadora contará cun orzamento duns 19.000 euros e a traballadora recibirá a correspondente parte proporcional deses cartos para este curso. O orzamento para acondicionar a planta da futura gardería –un máximo de 15.000 euros– incluirá dispositivos de seguridade. 

ALCALDE. O alcalde de Portomarín, Juan Serrano, calificou de "gran idea" o proxecto das Casas Niño. "Era algo que a xente demandaba e que se traducirá en que Portomarín ofrecerá practicamente todos os servizos básicos cos que contan as cidades", concretou. Ademais, mostrouse convencido de que o proxecto "é sostible nun futuro aínda que non o sustente a Xunta". 

As Casas Niño está dirixidas a concellos de menos de 5.000 habitantes, tendo, por tanto, unha vocación netamente rural.

Comentarios