Porque o trigo non nace no súper

Os veciños de Pontoibo, nas Pontes, celebraron por terceiro ano consecutivo a súa Festa da Malla, unha cita modesta pero con moita fachenda polo pasado rural

O TRIGO non aparece de forma esponátea na estantería do súper. Sábeo calquera. Non se trata de descubrir un gran segredo, pero si de amosarlles a moitos, sobre todo aos máis novos, un proceso esquecido, que durante décadas reuniu veciños e familias entre espigas e grao.

«Para iso facemos a festa, para que todos vexan que o trigo non sae do Eroski», explica Luis Ameneiro, o presidente da asociación de veciños de Pontoibo, nas Pontes, e un dos responsable da recuperación dunha tradición que non queren deixar esmorecer.

«A festa funciona moi ben e este ano aínda mellor porque o trigo é da asociación. É o primeiro ano que plantamos nós -nunha finca de arredor de catro ferrados- e imos subastar o trigo ao mellor postor», explica. En total, sumaron 200 quilos, despois do traballo de 35 voluntarios.

Ademais de recordar o pasado, tamén se cumpriu o outro obxectivo da asociación, xuntar os veciños nunha comida popular na que compartiron mesa unhas 150 persoas. Tamén houbo música, con No Cómbaro e un dúo.

Comentarios