martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

Por que non podemos vivir en paz?

UNHA ALUMNA DE segundo da Eso en clase de Educación para a Cidadanía remataba un exercicio coa seguinte frase: «Ningún país respecta os dereitos humanos». Esta era a conclusión dun pequeno traballo que o alumnado realizou buscando en prensa noticias nas que se manifestase a conculcación dos dereitos humanos. Á cabeciña de todos eles viñan múltiples exemplos que cada día se dan en todo o mundo, no noso país, nas súas familias: paro, desafiuzamentos, enfermidade, corrupción, recortes, impunidade, concertinas... Tocou o timbre cando outro alumno, algo confuso por unhas imaxes que vira na televisión sobre Ucrania, se preguntaba: por que non podemos vivir en paz?

Ese día tiven sorte, foron eles os que me deron a entrada na seguinte clase de 2º de bacharelato. Unha clase feminina, non porque no meu centro público se segregue senón porque as rapazas, moito máis numerosas nas aulas, aínda ven na súa formación unha saída á súa condición de desiguais. A elas lanceilles a pregunta, pero ante as súas poucas ganas de contestarme, pois supoñían que tiña trampa, as introducín naquel tratado ‘Sobre a paz perpetua’ que Kant publicara en 1795 seguindo unha idea que preocupaba na época, como rematar coa guerra.

Kant, como bo ilustrado, cría que a razón mesma podía realizarse na política desenvolvendo a paz. Isto traería consigo a solución á suposta incompatibilidade entre moral e política. Para o filósofo habería unha falsa discrepancia entre ambas as dúas, que se solucionaría actuando de acordo coa moral, polo tanto non habería dilema entre teoría e práctica. Enunciando o principio de publicidade sería moito máis doado: se non se poden facer públicos os propósitos dunha acción, entón a máxima que a xustifica é inxusta, polo tanto contraria a dereito.

Os bocexos ao enunciar este principio rematáronse, o cal me deu pé a enumerar unha serie de pasos que o autor achegaba aparte da formulación inicial. O proceso se tería que dar dentro dunha federación de Estados onde cada un deles garantise o Estado de Dereito, cunha constitución republicana que asegurase a liberdade e a igualdade dos seus cidadáns. Por suposto cunha mesma lexislación ao respecto.

A atención máxima veu cando recalquei algo de suma importancia dentro da idea kantiana de paz, que ningún Estado debe inmiscuirse pola forza na constitución e goberno doutro, ademais de que «ningún estranxeiro debe ser tratado hostilmente ao chegar aos territorios doutros», a idea é construír un concepto global de xustiza ancorado nun férreo cosmopolitismo.

Kant sabía que nada pode obrigar aos Estados a asinar unha paz duradeira, pero confiaba en que a vivencia da guerra traería o balance entre os beneficios e os custos, inclinándose a balanza cara aos segundos; sobre todo porque para o filósofo o cidadán toma un papel activo como colexislador e sen o seu consentimento non se podería facer a guerra.

Utopía ou modelo realizable? As miñas alumnas algo entusiasmadas decantáronse por modelo realizable. Ante o meu asombro tiven que asentar os seus pés na realidade, pasando de puntillas pola Guerra de Golfo e a guerra de Iugoslavia ( elas non naceran e pouco sabían destas, aínda que unha fose aí mesmo, á volta da esquina). Aínda así comentei que a Europa dos anos noventa parecía retomar a idea da paz cunha ONU mellorable, en contraste coa visión dos EE.UU. «como líder da paz» pero cun programa imperialista.

O trascurrir dos anos mostrounos unha Europa que aparcaba a paz perpetua para asumir a paz Imperial. Unha vez que entramos no século XXI os cidadáns démonos conta que eramos pouco libres, menos iguais e nada colexisladores. Á cidadanía non se lle consulta, non vaia a decidir un «Non á guerra» dándolle a razón ao filósofo sobre o progreso moral da especie que non renuncia aos seus principios por remotos que parezan. Moi ao contrario a nosa élite mandataria alíñase co Imperio da Paz, aplaudindo as distintas intervencións en países árabes, poñendo e quitando, agora desestabilizando en Venezuela agora mandando 5.000 millóns de euros a Ucrania.

Está claro que EE.UU. nin segue o principio de non intervención noutro país nin o de publicidade defendidos por Kant. Este país non adoita facer públicas as súas intencións ou se o fai, é polo ben de todos. Se nolas dixesen, as intencións, tería que ser algo así: necesitamos o petroleo de Venezuela, interésanos (á Otan tamén) a situación xeoestratéxica de Ucrania co segundo exército máis grande de Europa e tapar a saída ao mar mediterraneo a Rusia; tampouco nos gustan esas amizades entre Alemaña e Rusia co seu acordo sobre o gas, temos que vender o que sacamos do fracking e por suposto o que produce a nosa industria armamentística (para os americanos a balanza inclínase do lado do beneficio pero do dólar non da paz); e en Thailandia... o Imperio da Paz chega a calquera lugar do mundo.

Xa dixo Kant que é doado que un líder da paz se converta nun déspota imperialista. Non será Obama o que empece a practicar o principio de publicidade aínda sendo premio Nobel da Paz...

Con esta dose de realidade aplaquei, ao meu pesar, o entusiasmo das miñas alumnas. Pero a filosofía ha de ser crítica, radical, emancipatoria, utópica... se quere ser filosofía.

Comentamos que o filósofo fundamentaba a paz perpetua na orde xurídica máis que na bondade das persoas. Entón por aquilo de seguir o currículo comentamos que Kant non coñeceu as ideas de Marx nin a súa tese básica do materialismo histórico: en cada época a infraestrutura condiciona a superestrutura, a produción material condiciona a orde xurídico-político e a ideoloxía.

Así rematamos, co profesor de física esperando á porta.

Por que non podemos vivir en paz?
Comentarios