''Por amor soy capaz de hacer lo que sea, y no hay nada que no perdone''

Xulio Pardo de Neyra 1.JPG
photo_camera Xulio Pardo de Neyra 1.JPG

O investigador e profesor da UDC Xulio Pardo de Neyra vén de publicar a súa primeira novela pornográfica

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

Do que máis gusto é da implicación humana e intelectual que acho en certos alumnos. Do que menos... tal vez deses compañeiros que necesitan das vidas alleas para medrar ou sentírense vivos...

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Ao mesmo.

3. O soño que máis se repite é...

Ver aos meus fillos felices.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Non, ou quizais a candidez e a inocencia da infancia.

5. ¿A quen admira?

A todos aqueles que, libres, actuaron consonte a súa liberdade.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

Dalgunha cousa si, mais non a vou contar.

7. ¿Votou nas últimas eleccións?

Si claro, sempre voto.

8. ¿Atrévese a dicir a quen?

Por suposto, son independentista.

9. ¿Que cita subscribiría?

«O fascismo cúrase lendo», de Miguel de Unamuno.

10. ¿Que coche ten?

Malia que eu non guío, temos un carro familiar, un Lancia Phedra.

11. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Foron varios, eu son moi de caprichos, mais o último foi, como adoito, algo para darlle a miña muller.

12. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

A Torre de Dumia, a nosa casa familiar de Cervantes.

13. Unha toleada que fixera por amor.

Non existen, creo, as toleadas por amor. Eu por amor son quen de facer o que sexa.

14. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

¡Non, nada en absoluto! Se hai amor non existe a falla de perdón. A fin de contas falamos de amor entre persoas...

15. ¿Teñen algún pacto?

Nunha parella verdadeira todo son pactos, e pactos que hai que renovar e reafirmar a diario.

16. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Si, a capacidade de sacrificio e de entrega.

17. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

‘Veintidós cuentos picantes’, de Félix María Samaniego, en edición de Martínez Galilea.

18. Non sae da casa sen...

As chaves.

19. ¿Que pecados capitais desculpa?

Non creo nos pecados.

20. ¿Que é o que nunca falta na súa neveira?

Iogures.

21. Pérdeo un bo...

Libro.

22. Unha prenda que desteste.

Os chalecos, mais non os que acompañan ao traxe de chaqueta.

23. As súas mellores vacacións foron...

¡Todas! mais lembro especialmente a última viaxe que fixemos a Viena.

24. A súa viaxe soñada sería a...

A calquera sitio, mais sempre coa miña Pili, a miña muller.

25. A paisaxe que máis o impresionou.

A de Terra de Cervantes.

26. ¿E a súa materia pendente?

Falar varios idiomas con fluidez.

«A CULTURA GALEGA ANDA ENCORSETADA»

1. Di que rescatar un xénero, o da novela porno, foi un dos motivos polos que escribiu ‘Intensa e quente toda a túa humidade azul’ pero, ¿non hai tamén algo de provocación?

No mesmo acto de escribir sempre hai provocación -e malo se non a hai-, mais o peor é percibir que alguén se sente escandalizado polo labor intelectual ou a actuación dos seus veciños. O escándalo, falando destas materias, creo que é propio de mentes pequenas.

2. ¿Que lle din do libro os seus alumnos universitarios?

Hoxe mesmo veu ao meu gabinete unha alumna para que lle asinase un exemplar. Díxome que xa era hora de liberar a cultura galega, que andaba moi encorsetada. E anda, anda...

3. Ten feito tres tesis doctorais. ¿Ten xa un novo obxectivo para esa parece que insaciable ansia investigadora?

Si. A verdade é que eu non podo parar. Opino que cando un é investigador, éo -debe selo- a tempo completo. Gusto moito de ler, de experimentar e de ofrecer as miñas conclusións. E semella que gustan...

Comentarios