Pontoibo acolleu unha poxa de produtos do campo

O barrio pontés de Pontoibo celebrou esta fin de semana as súas tradicionais festas na honra de San Vicente, as primeiras do ano e unhas das de máis tradición e antigüidade do concello das Pontes e dos arredores.

O máis destacado da celebración e tamén o máis esperado polos polos numerosos romeiros que acoden a este santuario foi unha vez máis a tradicional poxa de produtos do campo que dende hai moitos anos vén realizando o popular e coñecido Salustiano Ameneiro quen, ós seus 93 anos, e ó longo de máis de dúas horas, deleitou ó público cos seus chistes e comentarios ó mesmo tempo que ía facendo a poxa.

No tocante á festa propiamente dita, a xornada do sábado estivo amenizada polas orquestra Compostela e o grupo Passión, mentres que o domingo o grupo tradicional Os Trevillas fixo un pasarrúas polo barrio. A orquestra Los Satélites e o grupo Fusión completaron a programación musical dunha festa na que non faltaron as tradicionais misas e procesións.

Devoción

O santuario de San Vicente de Pontoibo, situado preto da vila pontesa, data de moi antigo, pois aínda que a capela foi reformada e ampliada no ano 1847, crese que a imaxe de San Vicente ten uns 500 anos de antigüidade.

A capela foi construída nunha zona onde apareceron restos primitivos doutras civilizacións, como un sarcófago situado a carón do santuario. Nas últimas décadas sufriu diversas reformas, a última delas a ampliación do campo da festa e a desaparición da cuberta de uralita que afeaba a contorna do templo.

Comentarios