Pompa e circunstancia

QUÉ COUSAS. O señor Rajoy, presidente do Goberno do Reino de España, non fixo correctamente a inclinación de cabeza perante o emperador do Xapón. O certo é que o acontecimento non resultaría tan reclamante, se tal omisión ocorrera co presidente da República Francesa, pois xa se sabe que hai máis de dous séculos que prescindiron, dun xeito certamente contundente e tallante, das monarquias de orixe divina e dos seus rituais. Pero até 1945, o emperador xaponés era un deus vivente. Os súbditos quedaron abraiados cando escoitaron a sua voz pola radio, anunciando a rendición do país, de tal xeito que o remol protocolario conta con precedentes certamente próximos. Curiosamente, o vencedor estadounidense tiña unha clara vocación de xeneralisimo, por decilo suavemente, aparte de algúns resaibos mais propios dun sátrapa, como quedou patente na sua etapa tanto en Xapón como en Filipinas, alén do anecdótico tocado alleo á uniformidade militar norteamericana.

Pero ao que íamos, chama a atención o descoido do señor Rajoy, estando como está moi afeito a este tipo de rituais exóticos, pois ainda que en España obrigaron a varios monarcas ao exilio, poucos deles perderon a coroada testa no sentido fisico da palabra, e ainda que algúns perpetraron acontecimentos que os farian acreedores ao mais alto destino, que é a inmolación no altar da patria, o asunto sempre quedou nunha sinxela aproximación. Por percurar o mais imediato precedente este tipo de reverencias non eran comúns na etapa da Sua Excelencia, ainda que ninguén poida negar a sua enfermiza afección á adulación e ás pompas e ouropeis desmesurados, tal como entrar baixo palio nas igrexas e templos do país e, ás veces, facerse acompañar por algúns dos seus escollidos convidados. Mais certamente non sabemos nada de protocolos e enxabonamentos reais, ainda que dispomos de algunha referencia literaria.

Angel Maria de Saavedra, duque de Rivas e sonado autor do drama romántico ‘D.Alvaro o la fuerza del sino’, -que inspirou a ópera verdiana ‘La forza del destino’-, é autor dun poema titulado ‘Un castellano leal’, onde se conta a lenda do conde de Benavente que se negou a aloxar no seu pazo toledano ao duque de Borbón, convidado de Carlos V e que, ao cabo, obrigado a facelo, prendeulle lume ao lugar, xa que consideraba ao francés «un fementido traidor». Nun momento do relato, descrébese a recepción que o emperador lle fai ao conde, e nesa parte inxírense os seguintes versos: «Grave el conde le saluda/con una rodilla en tierra,/mas como Grande del reino/sin descubrir la cabeza».

Ignoramos se tal ceremonial segue vixente e comprendemos que haxa quen se enfeitice con estas cousas do protocolo. Houbo un embaixador que viu comprometida a carreira diplomática, porque a sua esposa intentou competir coa raiña. Seica o seu papel era limitarse a escrequenarse discretamente sen outros espaventos. As variacións só para a música.

Comentarios