Por ahora

anda o señor presidente na China, namentres en España na súa ausencia comezan a dimitir persoas, o que debe de ser unha epidemia rara. O xigante oriental non vén sendo un modelo de protección dos dereitos humanos e en particular as imaxes da recepción na praza de Tiananmen resultaron un chisco turbadoras se un lembra 1989 e amosaron o fariseísmo daqueles que ousan criticar aos que teñen tratos de calquera tipo con Venezuela, verbigracia. Todo flúe, sigan circulando.

'¿Por qué manda Occidente... Por ahora?', de Ian Morris Visitar China e imprescindíbel porque namentres a economía occidental está escuálida a chinesa segue a medrar ao 7%, superando todas as catastrofistas expectativas de colapso que se veñen facendo na última década. Na compaña destas profecías de Casandra vai a grande pregunta da época: ¿conseguirá a China converterse na primeira potencia normal? ¿Entraremos nunha ‘idade chinesa’? Ian Morris, historiador e arqueólogo, trata de responder a esta pregunta usando o pasado para explicar o futuro en ‘¿Por qué manda Occidente... por ahora?’, publicado por Ático de los Libros, unha editorial non moi grande pero que ha medrar se continúa con apostas deste tipo. A falla de listas de máis vendidos para este tipo de obras, o éxito pódese medir no tempo no que tardarían en enviar dende as meirandes webs especializadas: de unha a tres semanas neste caso. Non é pouca cousa e xa de paso aproveito para lles recomendar a visita as tendas locais.

A maior aportación de Morris neste terreo da historia comparada, alomenos dende a perspectiva do lector español, é o seu grande traballo de posicionamento da historia e a cultura chinesas. Moitas persoas cultas son quen de seguir a historia occidental, dende a Prehistoria e Mesopotamia ata a Guerra Fría. Esas mesmas persoas descoñecen aspectos esenciais de China e mesmo están instaladas na idealización que provoca o feito de que fose en Oriente onde apareceron por vez primeira a pólvora ou a imprenta. Morris demostra que nos aspectos fundamentais para a evolución tecnolóxica e humana (domesticación de animais e prantas, nacemento de grandes cidades e ideas complexas relacionadas con relixión e cultura, aparición de escritura...). Occidente acadou unha vantaxe media duns dous milenios que administra dende hai uns 13.000 anos.

Morris sostén unha perspectiva apocalíptica a partir desta diferencia. Oriente e Occidente enfrontaranse nunha carreira durante os vindeiros corenta anos, unha carreira que non terá medalla de prata e que pode rematar por introducir ao mundo nunha idade de decadencia a causa dos abusos contra o medio ambiente e as inestabilidades políticas xeneradas. Non sería nada raro: este tipo de periodos sucedéronse ao longo da historia, aínda que no mundo globalizado nos custe máis pensar cómo sería o futuro no medio do claroescuro. Existe toda unha corrente de pensadores (conservadores) que sosteñen unha liña de pensamento similar: Niall Ferguson, Andrew Marr ou John Gray.

Non estamos ante nada estraño: trátase doutra chamada de emerxencia de corte maltusiano, que obvia en boa medida a capacidade que ten o ser humano para desenvolverse de formas impredecibeis, mesmo para os mellores historiadores. E Ian Morris éo. Para responder a unha pregunta tan complexa ten que facer practicamente unha historia universal en setecentas páxinas e sae vivo de tal tour de force. Conségueo a base de capacidade de selección e síntese, grande uso de gráficas e recursos a veces infrautilizados (cada vez menos) como a análise do clima e os seus efectos nas civilizacións, un uso convintemente equilibrado.

A pregunta chave non está no por que do título senón nos puntos suspensivos. En realidade é posíbel que non haxa resposta porque China non vaia a dominar a Occidente... Convén non esquecer nunca a grande capacidade dos occidentais para aculturar e asimilar pobos. Niso estamos.

¿Por qué manda Occidente... Por ahora?
Ian Morris
Editorial Ático de los Libros
Páxinas
864 Prezo 39,90€

(Publicado na edición impresa o 27 de setembro de 2014)

Comentarios