Político en retirada, escano no Senado

PARECE un acordo tácito. Presidente autonómico cesante, portas abertas para el no Senado. É o destino habitual dos políticos en retirada. Alí están, por exemplo, Joan Lerma (acórdanse del?), que presidiu a Comunidade Valenciá de 1982 a 1995; Juan José Lucas, que dirixiu Castela e León de 1991 a 2001; Marcelino Iglesias, ata non hai moito á fronte de Aragón. Logo de deixar a Xunta, a Fraga tamén se lle buscou acomodo na Cámara Alta, e agora outórgaselle un sillón a Griñán. Parecen prexubilacións de luxo á conta de todos, co que se revela lóxico o aumento do rexeitamento do bicameralismo. Outra cousa sería que o Senado cumprira a función para a que realmente foi concibido, a de cámara territorial, e darlle así a palabra ás autonomías, que agora non teñen, pois máis que representantes dunha comunidade os senadores son voz dos seus partidos, ou deles mesmos. Así non é útil.

Comentarios