Políticas da crueldade

NA FACTORÍA de ideas de Groucho Marx, o anterior goberno progresista mercou principios neoliberais. Acabou daquela maneira e anda á busca da ideoloxía perdida. O actual goberno conservador chegou ao poder cun programa que esqueceu na moqueta do poder. Uns e outros semellan bonecos dun teatro de monicreques onde manexan os fíos poderes económicos que ninguén elixe e a ninguén renden contas. Pobo e ninguén, aquí son sinónimos. Que valores moven ao goberno actual? Que ideoloxía ten o seu partido? Convén outra visita ao almacén de Groucho con repostos de principios onde collan á defensa da familia e esa cousa turbia de xogo e fume do macrocasino de Alcorcón. Albíscase un principio común, un fío condutor: a crueldade. É a que condena ao sufrimento a millóns de persoas e produce enormes beneficios a bancos, eléctricas, multinacionais.

Ás veces din que lles move un etéreo humanismo cristián. Cal, o de Rouco ou o deste Papa que gusta a crentes e ateos e asusta aos xerarcas? Política de crueldade é fixar o copago de 42 fármacos, moi caros, para pacientes crónicos ou con enfermidades graves. A política en sanidade pouco ten que ver coa piedade, a caridade, a defensa de ‘orfos e viúvas’, necesitados da ‘boa noticia’, evanxeo en grego.

Crueldade é a reforma da xustiza cunhas taxas que suporán xustiza de primeira para quen pode pagala e outra para pobres. Ou a cruel reforma do aborto, retroceso de 30 anos según os expertos. O mesmo goberno que pecha centros para discapacitados e xibariza axudas á dependencia rexeita o aborto por malformación fetal. Quen termará con tanta dor futura? Abortos clandestinos para pobres e viaxes ao estranxeiro para ricas?

Política de infinita crueldade é a ‘reordenación do sistema’ que en nove anos vai quitar dos petos dos xubilados 33.000 millóns de euros. Non para garantir o futuro dos netos senón para regalar a fondo perdido os seus cartiños, a Bankia, por exemplo.

Estas políticas están a crear un balneario de benestar para os máis ricos, empresarios, políticos e os seus fillos dos fillos dos fillos nunha elitista rede clientelar. Esas mesmas políticas trituran a dependentes, vellos con pensións indignas, parados e traballadores cada día máis precarios, mocidade sen futuro, estudantes sen beca expulsados da universidade.

Políticos da crueldade, alleos á realidade, cobran o que negan aos traballadores. Blindan as súas pensións e adelgazan ás dos vellos. Soben a cota nos comedores escolares ata 6 euros mentres escollen menús exquisitos a 3 nos Parlamentos. Expulsan do país a rapaces titulados sen padriño pero inventan redes de madriñas para os seus.

Nas estanterías de Groucho aínda quedan valores, argumentarios, ideoloxías, principios, pero xa está esgotada a crueldade.

Comentarios