Politicamente incorrecto

HAI UNS anos cando esta sociedade estaba menos instruída do que está agora, falábase con orgullo da boa educación. Despois o termo caeu en desuso e substituíuse pola perífrase politicamente correcto, expresión un tanto cursi que naceu xa pasada de moda. Mentres a boa educación estivo vixente, expresou unha forma socialmente aceptada e valorada de comportarse, na que predominaba o control dun mesmo e a avaliación das circunstancias concretas que repercutían en cada acto.

A vixencia da boa educación culmina na Modernidade, que herda as boas formas ilustradas do século XVIII e quebra coa chegada da posmodernidade. Nas últimas décadas do século XX o termo comezou a perder forza coincidindo co auxe do novo liberalismo, coa crise das ideoloxías e coa busca dunha liberdade individual exacerbada, característica da época, que levou a romper normas, ás que definiu como restritivas. A consecuencia inevitable foi que -sen normas- caeuse na escravitude dos desexos.

Reclamábase a liberdade individual, pero realmente o único que socialmente se conseguía era a liberdade económica, que lle permitiu a quen soubo e quixo aproveitarse dela, sen cuestionarse dilemas morais, pingües beneficios (véxase a situación política actual). Non se dubidou en cualificar á boa educación como imposición e, por extensión, tamén se cualificou de imposición á educación en xeral. Finkielkraut sinala esta quebra posmoderna na confusión entre «o mestre que instrúe e o amo que domina».

A liberdade individual, entendida como dereito a gañar cartos e a realizar a inmediatez do propio capricho, erixiuse como único valor aceptable. Así, a sociedade valoraba aos que gañaban moito e quedaban nun segundo plano os que sabían, os que tiñan experiencia ou incluso os ben educados.

Esta exaltación da liberdade individual levou a excesos, aos que houbo que poñer algún límite, e para iso inventouse o do politicamente correcto, pois ninguén se atrevía a recuperar o que botáramos no lixo -a boa educación parecía un prexuízo arcaico e intolerable-. No seu lugar impúxose o politicamente correcto, unha mala copia, máis feble, sen carga histórica, baleiro, sen conceptos que o ampararan e sen mestres que o tiveran imposto. Tal parecía como se o politicamente correcto acabara de caer do ceo como un maná en estado virxinal. Por certo, este pseudoconcepto íalle moi ben as nosas sociedades pseudopensantes, levantadas sobre pseudoideas a medio estruturar e bastante burdas, nas que se confunde cultura, natureza, saber, ignorancia, valor, cartos..., e nas que, desde logo, non se sabe estar cun mínimo de dignidade ou de ética e preténdese acadar o lexítimo e o ilexítimo coa mesma soltura e coa mesma naturalidade.

Rapidamente o politicamente correcto utilizouse como elemento de control do que se dicía ou facía nas sociedades. Coartaba o modo de actuar dos individuos, aínda que paradoxalmente non tiña influencia sobre o modo de ser, nin o pretendía, pois é un termo do ámbito do simulacro das sociedades posmodernas, e nel só interesa non ferir a sensibilidade do espectador. O simulacro convértenos a todos en simples espectadores e non pode molestar a nosa sensibilidade por se decidimos voluptuosamente ceder ao desexo de cambiar de canle ou de alterar o sentido do noso voto.

O politicamente correcto permítenos ser uns bárbaros maleducados na nosa vida privada, pero esíxenos un comportamento determinado de cara á sociedade. Educación de portas para fóra, ou o que é o mesmo falta de educación, pois a verdadeira educación lévase dentro. Carentes de modelos de actuación, cando aparecía alguén ben educado había que fuxir del, pois podía coartar a nosa liberdade. Empezamos a deixarnos influír por arribistas e manipuladores maleducados, que berraban pola liberdade de cada quen para logo impoñernos as súas regras e facer os seus negocios.

Fixéronnos crer que nos liberaban do corsé das normas sociais, máis atáronnos coas ligaduras dos seus intereses impostos coas sogas das leis escritas nos boletíns oficiais. Á vez, eles obtiñan beneficios netos. O politicamente correcto impedía que nos rebelaramos, aínda que fose educadamente. Pecháronnos a boca e as accións coa milonga do politicamente correcto, que, como non significaba nada, pasou a indicar: «O que quere o que logra o poder».

Así, en moi poucos anos, a nosa sociedade foi cedendo a súa capacidade de reacción. Todos fomos culpables (os políticos dun e outro partido, eu mesmo, vostede, o resto dos nosos concidadáns e as institucións coas que nos relacionamos a diario). Esta sociedade leva tragados carros, carretas, rodas de muíño e muíños enteiros. Xa vai sendo hora de que sexamos educados ao vello estilo, con firmeza, desenmascarando decididamente ao que ten posta a careta do interese propio, chamándolles ás cousas polo seu nome, como se facía desde a boa educación que esixía honestidade persoal, moral e intelectual (e, por suposto, económica).

Os cidadáns ben educados son críticos e previdos ante o poder, os politicamente correctos submisos e confiados. Como pensan vostedes que nos prefiren os nosos gobernantes?

Comentarios