lunes. 17.01.2022 |
El tiempo
lunes. 17.01.2022
El tiempo

A política vai de botellón

MOITO REZAMOS ao señor San Froilán o mércores pasado, xusto antes da Semana Santa, para que chovese a Deus dar. Ese día houbo sol e altas temperaturas, o que favoreceu que na Carballeira de Fingoi ‘celebraran’ un dos botellóns máis concorridos dos últimos anos.

Perdida a fe nas autoridades civís e policiais, rezabamos para que chovera. E vai o santo e contesta que el non se mete en política. Decatámonos así de que máis aló do fenómeno social, os botellóns que alfombran o calendario son un problema político tolerado polos gobernos das cidades, alentado polos poderes públicos e subvencionado por un poder político que veta con impostos a cultura pero vende alcohol moi barato. Por iso son tan nomeadas as peregrinacións etílicas a Salou onde os fillos da Gran Bretaña engulen alcohol, ensinan o cu e saltan desde os balcóns.

A ‘peña’ universitaria, perdida a fe no futuro e no sistema económico, optou polo panem et circenses, polo carpe diem, por vivir a tope o presente, aproveitando o día cando é noite porque o que lles espera é un futuro de escravos. Onde quedaron os mileuristas?: agora un quiñentoseurista é un privilexiado.

Por iso o goberno da cidade mira para outro lado, por iso os grandes poderes abrevan e subvencionan con alcohol os soños dos rapaces. Deus nos aparte que en canto do botellón lles dera por ler e pensar, por protestar contra o matonismo da economía, por tomar as universidades, por negarse a ter fillos e a endebedarse con coches e hipotecas, por boicotear o circo político que afora a corruptos. Por reivindicar outro mundo máis igual, xusto e fraternal.

Non, mellor alcohol barateiro. Mellor a noite de viño e rosas, de moito ruído e toneladas de merda que salientan o nivel dos universitarios. E unhas autoridades que envían un par de patrullas aos arredores da xigantesca esmorga. Daquela non se enteraron que tamén había menores bebendo alcohol, que agredían esta xoia ecolóxica, que mexaban nos portais e onde cadrara, que ata tiñan contratado a un tal Guilly de Melo Dj, de Loca Fun Radio, e que sen permisos pertinentes instalaron mesa de mezclas, altavoces e potente megafonía para incendiar de decibelios os vellos carballos e o barrio enteiro ata que a xente dixo ‘ata aquí chegamos’.

Iso si, ao día seguinte pola mañanciña, unha lexión de esforzados operarios de limpeza, en contraste coa cativiña presenza policial do mércores, limpou a Carballeira. Unha mágoa. Se políticos e gobernantes non abdicaran da súa función pedagóxica deixarían que esa ‘paisaxe’ permanecerá uns días. Porque ese espello alcoholizado e plastificado de merda, reflicte nidiamente a desidia política, a invisibilidade policial, a desesperanza da mocidade e o fracaso de centros educativos e familias.

A política vai de botellón
Comentarios