A política das ‘cucarachas’

Nun armaguedón nuclear só sobrevivirían as cascudas. Na debacle política do país sobreviven e medran os corruptos. Velaí o indicador da precaria saúde desta pobre, pouco formada e mal informada democracia. Indica déficit de cidadanía, falta de músculo político do pobo ante o poder inmune á presión social.

Hai que afondar no tempo da memoria para recordar a mordida catalana do 3% que pagaban as empresas ao goberno contratante. Apenas soa Millet, o do saqueo do Palau da Música, con sospeitas de financiamento ilegal de CiU. E vai para catro anos!: A Bernard Madoff condenárono a cadea perpetua nun proceso de seis meses. O cacique de Ourense teceu redes clientelares durante décadas sen que nunca pasara nada. Pasou que cada elección aportaba infinitos votos ao ‘tinglado’ galego. En Andalucía gobernou sempre o mesmo partido sen que ningún escándalo, o último o dos Eres, ameace a súa hexemonía. Un tal Fabra goberna na súa taifa desde hai séculos, e iso que sobre o penúltimo da dinastía hai gravísimas imputacións. «¡Que se jodan!», explicou a súa filla. Toda a costa levantina despide o cheiro abafante da corrupción, esterco de maiorías absolutas que alporizan no bar e nunca na furna dos votos. En Baleares a política limita coa vergonza de Munar e Matas. Agora o tal Bárcenas e as súas desfeitas corruptas non merecen moita consideración do goberno. Outros escándalos apagarán o incendio ou algún muñidor atopará fendas para invalidar xurídicamente o proceso e acabar de embaixador.

A marca España identifícase fóra coa barra libre da corrupción política, o silencio do goberno ante o clamor popular e a mordaza de xornalistas coa obriga de preguntar e contar. Sabe o poder que cando pasa o día remata a romaría e que o pobo non castiga a corrupción.

Hoxe os dous grandes partidos, paralizados polas propias dinámicas, enredados en urdidas clientelares que garanten silencio e obediencia debida, son desilusionantes. Os vellos dinosauros da corrupción e da política gozan de boa saúde a pesares da súa mediocridade e falta de altura para enfrontar a crise. Compárese o noso goberno co de Chile, en proceso electoral, con seis doutores, profesores de prestixio en universidades internacionais nas súas filas.

Aquí apartamos a intelixen- cia do poder. O cheiro da corrupción afasta aos excelentes, aos mellores. Torpedeamos as primarias, instrumento de renovación de élites anquilosadas: mesmas caras, mesmas ideas desde o abrente da democracia. Hoxe, os dous grandes partidos apenas suman a metade da porcentaxe do voto, indicador de indixencia democrática. Como di o poeta: «Desde tiempos a esta parte/vamos camino de nada».

Ou hai rexeneración política, ou na podremia da corrupción só sobrevivirán as cascudas.

Comentarios