Política co topónimo

Haberá moita xente na Galiza que se pregunte sorprendida como se pode facer na cidade da Coruña tanta política cunha cuestión que, en principio, parece máis propia de filólogos e historiadores, como é a do topónimo. Sente de verdade a cidadanía coruñesa a necesidade de recoñecer tamén como denominación oficial a forma incorrecta castelá por galeguizada de “La Coruña”? Non teñen os herculinos  outras preocupacións máis relevantes nas que pensar? Non lle interesa máis, por exemplo, á burguesía comercial o declive absoluto dos seus pequenos comercios?

Segundo inquéritos recentes de carácter seudooficioso un 30%  dos habitantes da Coruña prefire unha dupla denominación para a súa cidade. Hai outro 20% que desexa que se manteña o topónimo vixente como o único oficial. A restante e maioritaria porcentaxe dálle o mesmo como se lle chama á súa localidade ou simplemente non contesta. Daquela, por que algo que resulta minoritario entre coruñeses e coruñesas pasa a ser para certos políticos oportunistas prioritario?

Antes de tentar contestar a esta pregunta habería que se referir ás causas polas que existe un 30% que quere como oficial a denominación deturpada. Na cidade da Torre a ditadura franquista realizou unha fortísima represión que eliminou todo vestixio republicano, obreirista e galeguista anterior, cambiándolle por completo o aspecto. As principais institucións administrativas do Estado na Galiza radicáronse nela, converténdoa nunha especie de enclave. E a iso engadamos, para máis estrago, o populismo franquista e impresentábel dun alcalde como Alfonso Molina e a influencia decisiva do magnate de Barrié. A política cultural antigalega daquel réxime tiña, por tanto, que se cebar máis na Coruña que noutros lugares. Queríase facer dela un minúsculo Madrid de beiramar, fidelísimo aos designios centrípetos.

Cando coa morte do ditador se enxergaba a posibilidade unha normalización democrática, lingüística e cultural, chegou o “vazquismo”, recollendo aos electores tardofranquistas e teimando no mesmo furibundo antigaleguismo precedente. O presunto socialista Paco Vázquez aliouse cos poderes económicos locais. Non tivo escrúpulos para se aproveitar dos votos de antigos falanxistas nin en apoiar as novas actividades festivas de algúns deles. O mesmo conservadurismo coruñés e o empresariado local preferiu durante dúas décadas a Vázquez que ao PP.

A diferenza doutras cidades galegas, como Santiago, Lugo ou Ourense, os conservadores coruñeses apresentan un  cariz menos proclive a todo o galego. Esa porcentaxe local conservadora do 30%  dispútaa o PSOE e o PP. Do que se trata é de atraeren o voto conservador para obter unha maioría absoluta ou unha relativa suficiente para que os nacionalistas non accedan ao goberno municipal, e poidan dificultar o negocio inmobiliario. Algunha organización coruñesista recalcitrante e dopada xenerosamente por poderes fácticos faría de bisagra. O topónimo correspondería ao superestrutural ideolóxico, porén, a base sería a infraestrutura inmobiliaria.

Comentarios