Pola fusión das caixas galegas

As dúas caixas de aforro galegas parece que non teñen outra opción que fusionarse entre sí ou con outras, por non ser viable o futuro de ningunha delas por separado, segundo a opinión dos expertos financeiros e os propios plans do Banco de España.

A primeira alternativa sería a fusión das dúas caixas para constituír unha nova entidade que se situaría no cuarto lugar entre as actuais. Esta opción, que é a única que aseguraría o mantemento da súa independencia real, ten custes importantes no emprego pola duplicidade existente entre boa parte das súas oficinas e servizos, ao estar a maior parte de ambas radicadas en Galicia. A este problema engádese a oposición dos directivos de Caixanova e tamén os recelos locais existentes sobre todo en Vigo fronte a unha posible dependencia da Coruña como sede da futura entidade, por ser a de maior dimensión.

A outra alternativa é a integración de cada unha por separado noutros grupos de caixas que se están reorganizando actualmente, aínda que se presente como unha alianza temporal baixo a figura do Sistema Institucional de Protección (SIP). Baixo este nome se mantería a súa independencia formal conservando a súa sede actual, o seu consello e a súa obra social, pero se perdería a súa autonomía de xestión nas políticas de crédito e de risco que pasaría a depender da sociedade común, da SIP. E ademais case seguro non quedaría como unha situación temporal, senón definitiva. No mellor dos casos cunha dependencia compartida e senón fusionada máis adiante dentro da caixa de maior dimensión.

Por iso as alternativas reais son só dúas. Unha que mantén a autonomía financeira e outra que leva a unha dependencia futura, por moi suave que trate de presentarse neste momento. Esta autonomía financeira, por suposto que acompañada do necesario nivel de solvencia, era importante no pasado é tamén o será no futuro. Por iso, as cousas claras. Haberá que tratar de reducir no posible os impactos sobre o emprego desta fusión entre as dúas caixas galegas e tamén os recelos locais, que están detrás da acusada mentalidade minifundista vixente, pero hai instrumentos que permiten reducir ambos problemas.

E desde o punto de vista dos intereses xerais de Galicia sería tamén necesario ter un maior grado de compromiso con algúns sectores como o agrario, importante polos depósitos de moitos agricultores nas caixas, pero que tiveron un baixo nivel de resposta por parte delas no apoio a algúns proxectos importantes como o das industrias lácteas. Nas crises que tiveran industrias lácteas doutras comunidades, como en Asturias, Navarra e País Vasco as súas caixas apostaron por salvar Clas, agora convertida en Capsa, e máis Iparlat, participando no seu capital. En Galicia botouse en falta unha resposta similar nas crises de Larsa e Leyma, que levaron á súa integración noutros grupos. Que non volva a ocorrer agora o mesmo có proxecto das cooperativas para facerse coa fábrica de Pascual en Lugo.

Comentarios