Pola cara

NINGUÉN pode considerar que ten pasado á historia contemporánea sen ter sido algunha vez portada da revista ‘Time’, habitualmente reservada para grandes figuras da política e a relixión, os chamados ‘homes do ano’. A maiores, esta publicación norteamericana publica tamén anualmente unha edición coas cen persoas que considera máis influentes. Este ano puxeron en cabeza da lista e, xa que logo, na portada, á cantante Beyoncé. Dela destacan o feito de facer compatible a súa carreira profesional, chea de éxitos, enchendo estadios e vendendo millóns de discos, coa vida familiar. Ven a ser unha homenaxe ás mulleres, que efectivamente teñen cambiado o rumbo da humanidade nas últimas décadas, incorporándose a todos os ámbitos da vida pública. Como a propia Beyoncé proclama «as rapazas son agora as que mandan no mundo». Probablemente, este sexa aínda máis un desexo que unha realidade e, en todo caso, sería unha afirmación que apenas tería vixencia en trinta ou corenta países de Europa e Norteamérica. No resto do planeta, por desgraza, aínda queda moito por facer. En moi poucos lugares sería posible, como aconteceu esta semana en Inglaterra, que a muller dun político declarara, como fixo a muller de Nick Clegg, que considera ao seu marido máis home por ser quen de coidar dos fillos e facer outras tarefas do fogar. No resto do mapa arrepía o machismo imperante en lugares como México, onde o asasinato de mulleres é unha rutina; os crimes de honor en Paquistán ou as violacións consentidas pola lei na India. O caso dalgúns países árabes é espantoso; velaí Arabia Saudí, onde mesmo unhas princesas lanzaron un berro desesperado porque estaban afogando detrás dos barrotes e candados que as gardan sabe Deus de que ou de quen. Por iso, vexo axeitada a decisión de dedicar a portada de ‘Time’ a unha muller, acostumados como estamos a ver en ese lugar a homes ilustres. Agora ben, sen quitarlle méritos á cantante, non sei se a revista fixo a elección pensando máis ben en vender exemplares exhibindo un corpo feminino case espido. De feito, no interior da revista, figuran outras mulleres que tamén teñen triunfado por méritos propios. Como Kathryn Sullivan, antiga astronauta e actualmente líder en programas medioambientais, ou Valerie Jarret, responsable da política cultural dos Estados Unidos. Semella que en algún despacho un comité de homes sabios cavilou que, despois de todo, as ideas non ían vender tanto como unha cara bonita.

Comentarios