Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Poesía, humor e liberdade

ENTRE as novidades que chegaron ás librarías contra o final do ano figura unha que, talvez por non selo nun sentido estrito, puido pasar máis desapercibida. O feito de se tratar ademais dun libro singular, de poesía, e aparecido nunha editora de dimensións reducidas como é Positivas influíu de seguro na discreción coa que foi recibido. Estou a falar de ‘Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados’, do Colectivo Ronseltz, publicado por vez primeira en 1994 e agora reeditado. O volume presentábase como a derradeira manifestación dun grupo formado por Xoán Carlos Rodríguez, Serxio Iglesias, Miguel Montes, Xabier Cordal e Manolo Cortés, que conseguira axitar o panorama literario galego mediada a década dos oitenta,cando compartían aulas no Colexio Universitario da Coruña. Os seus instrumentos foran sinxelos: unha revista artesanal, como eran case todas naquela altura, e unha serie de recitais iconoclastas e irreverentes.

O humor e a parodia foron as ferramentas básicas do colectivo. Con elas levou a cabo unha lectura de moitas das claves principais da cultura galega, desde os ismos (incluído o paisaxismo: «Todo na miña terra é paisaxe,/menos traxe/paxe/e garaxe») até a poesía dos seus coetáneos, con especial atención ao culturalismo e o barroquismo que dominaban unha boa parte da produción dos oitenta. Sen evitar en ocasións os nomes propios, os textos de ‘Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados’ volvían os ollos cara ás inercias, os excesos e as contradicións da cultura galega do momento. O propio libro advirte sobre a súa vontade de provocación, e tamén de intervención: «O poema é unha pedrada na cabeza. por iso lles recomendamos aos leitores que usen casco».

Como era de agardar, o poemario desatou a risa e a polémica. Non faltou quen lle apuxo esa intranscendencia coa que se acostuman etiquetar produtos que combinan o desexo de ruptura co humor irreverente. Malia estas obxeccións, ‘Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados’ converteuse axiña en obxecto de culto para aquelas persoas que viron nel actitudes que adiantaban algunhas das mudanzas producidas na poesía a comezos dos noventa, como eran o humor, o culturalismo irreverente e a exploración de novos discursos sociais. Esgotado desde hai anos, o libro, imprescindíbel para explicar a evolución da poesía no último cuarto do século XX, viña circulando en fotocopias. A editora puxo por fin ao alcance do público unha obra demandada que agasallará, a quen se achegue a ela, sen prexuízos, máis dunha gargallada.

(Remato estas liñas cando o brutal atentado cometido contra a revista Charlie Hebdo sitúa o humor, xunto coa liberdade, no centro dun debate que está a ocultar un conflito ao meu entender moito máis profundo: o fracaso, tamén político, da integración).

un falar

Poesía, humor e liberdade
Comentarios