Poderosos micropoderes

O PODER. E pensamos no goberno, en ministros e presidentes. Tamén na Policía, en todos os que levan gorra, porra e uniforme. O poder dos exércitos, da xente armada, da OTAN e ata os cascos azuis desa ONU cada día máis xibarizada para desgraza dos países decentes.

Todos eles palidecen ante o poder supremo dos cartos e os seus pontífices. O escuro poder das multinacionais que papan a bocados competencias dos estados. Que non queren estado. Deste, todos somos protagonistas democráticos, daquelas, só víctimas e vasalos.

O poder sobre as conciencias, as relixións. Este Cristianismo. Ese Islam en alza do que só chegan as formas máis fanáticas que non permiten separar o relixioso do laico, e que invisibilizan o 50% da poboación. Hai outro Islam.

Son macropoderes. Pero os que agora interesan son os micropoderes. Poderosos micropoderes.

Pólizas, fotocopias, certificados, compulsas, montañas de papeis asolagando organismos que semellan pervivir no século XIX. Ah! pero… non teñen ordenadores? Teñen, pero hai sitios onde funcionan como máquinas de escribir con pantalla. Pero hai internet! E que é iso de internés? Micropoderes.

Ese fontaneiro que tiña que estar ás nove da mañá amañando a fuga na lavadora. Soa o móbil ás doce e o fulano di que non pode vir. Que mañá sen falta, ás nove. E aló vai polo vertedoiro do tempo un anaco de tres horas irrecuperables.

As empresas de telefonía móbil e inmóbil. E o hábil truco de torturar ó persoal  para non resolver nada. Cansan, humillan, ofenden, fan perder o tempo impunemente. Pero, que clases de gobernos temos, e temos moitos, que toleran o dereito de pernada destas poderosas compañías? Como é posible que permitan que pobres rapazas que apenas falan a lingua sexan incapaces de resolver nada despois de ter aguantado o de marque 1, si desea que… marque 2, si… marque 3. Música. Le recordamos nuestra oferta de….. Música. Como é posible que os múltiples chiringuitos oficiais non obriguen a estes matóns a ter oficinas físicas e non esta estafa telefónica de atención ó cliente?

O estado das autonomías naceu para acercar a Administración ó cidadán. E ben de acordo estamos con esta descentralización. Pero a miúdo o que a cidadanía percibe é unha duplicidade de organismos, de funcionarios, de competencias similares a un lado da autonomía e a outro do estado. A vivenda, por exemplo. Poderosos micropoderes para marear a perdiz, para que o persoal percorra o viacrucis de ventaíña en ventaíña. Mariano José de Larra escribiu hai máis de cento cincuenta anos un artigo que ben podería publicar mañá: "Vuelva usted mañana".

Así andamos. O perigo de que nos fenda a testa o macropoder en forma de mísil da OTAN é improbable, pero o perigo de que te amargue o día o Servizo de Desatención Telefónica ó Cliente está pavorosamente cerca.

E xa son as doce e os pintores sen chegar!

Poderosos micropoderes...

Comentarios