Podemos

Fíxome falla que España gañase a Eurocopa para decatarme de que non me sinto capaz de berrar Viva España! sen ter que facer teatro e que non vexo nada atractivas as bandeiras españolas ao meu arredor. O que non vou negar é que si me gustou ver os partidos e que me aledei de que a avermellada resultase ser a campiona porque a imaxe de Iker Casillas e medio vestiario, en calzóns e regados de champán non é unha mala vista.

A Eurocopa estivo ben levada por parte de Cuatro que lle dou un toque de humor para vender mellor cada partido e, de paso, facer caixa a través do vudú con Otto que, a estas horas, debe estar coma un coador. Ao final conseguiron que a mensaxe chegase ao inconsciente colectivo e funcionou, España gañou.

Todo estaba ben así: os futboleiros contentos, os que se sentisen españois orgullosos e aos que tanto nos ten, tanto nos dá, presenciando o balbordo das celebracións. Todo estaba ben. Un dos comentaristas dixo que estes eran os fillos da Transición e logo Angels Barceló, falando da victoria da selección española, comentou que que pena os que estaban entrando en interpretacións políticas e que estaban perdendo o poder abrazarse cun descoñecido celebrando a alegría da victoria, que á fin de contas, só era un xogo. Para rematar, afirmou que “o único que queriamos era que gañaran os que falan o noso mesmo idioma”.

E aí rompeuse a miña España porque non estamos obrigados a abrazarnos con descoñecidos para celebrar a victoria duns mozos que falan castelán e non se debería mirar entón con malos ollos que nos guste ter Selección Galega, que celebremos as victorias de Óscar Pereiro, de Gómez Noya, de Tareixa Portela, de David Cal etc pensando nunha bandeira branquiazul.

Pero vai ser que todo é algo máis ca un xogo, que hai quen se incomodan porque Sergio Ramos se envolva nunha bandeira de Andalucía e que, á hora da verdade, nós non podemos.

Así que non se vexa mal que non queira drogarme de alegría coas victorias deportivas españolas porque se podería entrar en interpretacións políticas. Iso si, alédome moito polos rapaces.

Comentarios