martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Pode que poidamos

QUEN MANDA aquí?»/ preguntei./ Dixéronme: / «O pobo naturalmente»./ Dixen eu:/ «Naturalmente o pobo/ pero, quén/ manda realmente?»
Bertolt Brecht.

Pode que poidamos, aínda que vai ser difícil. Quen detenta o poder xoga coas cartas marcadas, ten dobres barallas e cambia as regras do xogo, segundo este se desenvolve, se non lle gusta o ritmo que toma. Polo mesmo, a banca sempre (en)gana.

Vendéronnos que a democracia consiste no xogo limpo, na procura do ben común, incluso cun matiz utilitarista no beneficio da maioría, que é -teoricamente- quen decide. Volvéronnos a (en)ganar, pois se quedaron con todo o que puxemos, pero sen que mercaramos nada. Estivemos perseguindo unha cenoria que nos levou a dar voltas na noria que abasteceu de cubos de diñeiro a banqueiros e empresarios que manexaban (manexan) como monicreques aos políticos que xogan na «porta xiratoria».

Quen nos (en)ganou? Quen detenta o poder? A día de hoxe só hai unha resposta: quen ten cartos. Non mandan os políticos, senón que mandan os ricos. Vivimos nunha evidente plutocracia. Os que están ao fronte das corporacións produtivas, financeiras e especulativas controlan medios de comunicación ou toman decisións que son asumidas tanto polos políticos que gobernan como polos que están na oposición, e deciden sobre a nosa vida de xeito directo (impoñéndonos a realidade que eles constrúen) e indirecto (convencéndonos que esa é a realidade na que nos apetece vivir).

Todo é (en)gano -gañan eles-. Pero o peor de todo é que non temos nada que reclamarlles, todo o que nos pasa é porque así o queremos ou alomenos o aceptamos. Se nos (en)ganan é porque nos deixamos (en)ganar. Sempre se oíron cantos de sirena fraudulentos, e seguiunos o que quixo. Nestes tempos, sirenas e ‘sirenos’ políticos cantaruxan as bondades liberais como se foxen principios revolucionarios de liberación proletaria e planetaria. O novo ‘estribillo’ proclama que estamos ante a consumación dos tempos (todo tempo consumado é a realización dunha profecía), e o resultado final parece que foxe que o triunfador último é o liberalismo.

Pero aos liberais só lles interesa o seu beneficio, canten o que canten os seus voceiros, tipo Fukuyama quen coa súa teoría da «fin da historia» pretende convencernos da inevitabilidade da hexemonía do liberalismo, ou Ackerman quen pregoa a liberdade individual, aínda a costa da liberdade colectiva -como se se puidese ser libre nunha sociedade escravizada-.

Desde 1989, ano da caída do muro de Berlín e da derrota oficial dos réximes comunistas, todos os sirenos/as dan o mesmo ton: os tempos son cumpridos, vivimos no mellor dos mundos posibles e todo grazas ao liberalismo liderado e exportado polo modo de vida americano (occidental queren dicir, pero din americano).

Nestas estabamos cando nos sorprenderon mobilizacións populares que pedían democracia substantiva, directa e non adxectivada. Como toda mobilización popular pronto se desgastou e quedou reducida a cinzas. Ata que nos sorprendeu un novo partido político saído da nada, de catro espazos televisivos e uns contactos das redes sociais, con xente sen compromisos previos, sen aparato de partido, sen historia previa de poder, e disposta a mergullarse en areas movedizas con inxenuidade e sen estruturas ríxidas detrás. Aí está o reto: que consigan saír adiante e manter esa frescura de palabra e de acción que era un clamor na rúa. Pero polo que se ten visto nos últimos días, os problemas internos van ser moi fortes, se conseguen superalos, gañariamos todos ao abrirse unha nova posibilidade.

Non nos enganemos os de sempre non nos representan, porque son a voz do seu amo (o que paga manda, B. Brecht). Podemos é unha quixotada hispana, pero esta vez non se loita con muíños, senón con xigantes de verdade, provistos de sete vidas, cando menos. Se temos que perder, perdamos, e aínda que nos gañen, que non nos enganen.

Pode que poidamos
Comentarios