Poboación e alimentación

A poboación mundial ten aumentado desde os 4.400 millóns de 1980 até os 7.300 deste ano. Segundo as últimas estimacións realizadas pola ONU o máis probable é que acade os 9.600 no 2050, aínda que podería variar entre os 8.300 e os 10.500 millóns, dependendo do descenso que exista na fertilidade, que é a principal incógnita ao realizar esas previsións.

As taxas de fertilidade en varios dos Países africanos, que teñen os niveis máis elevados, están por riba das previsións realizadas con anterioridade. Por exemplo en Nixeria, que é o país máis poboado de África, a fertilidade estabilizouse no seis fillos por muller durante a última década.

Case todo o aumento de poboación vaise a concentrar nos Países en desenvolvemento e vai ser especialmente elevado nos menos desenvolvidos, que o duplicarán durante este período. Pola contra na China vaise estabilizar ao actual nivel dos 1.400 millóns de habitantes e será superada pola India, que vai continuar crecendo.

Por outra banda segundo as proxeccións máis recentes da FAO a demanda de alimentos no ano 2050 será un 60% superior á actual. Dúas terceiras partes deste aumento son debidas ao incremento da poboación e o terzo restante á mellora na renda e ao cambio da dieta, que vai resultar nun maior consumo de produtos animais, cuxa produción precisa a súa vez aumentar a doutros produtos como os cereais.

A alimentación desta poboación adicional para o ano 2050 é un gran desafío global ante as limitacións existentes nos recursos básicos de terras e auga e o posible impacto do cambio climático. O aumento das necesidades de alimentos será especialmente elevado nos Países en vías de desenvolvemento por esas dúas causas de incremento na poboación e de cambio na dieta ao partir duns niveis que actualmente son moi baixos. Estes países poden ter dificultades para aumentar a súa produción de alimentos para cubrir as necesidades adicionais dese incremento na súa poboación e ademais poden estar limitados na súa capacidade de importar alimentos doutros Países.

A actual dispoñibilidade mundial de alimentos non é suficiente para alimentar ao mundo en 2050, mesmo si se distribuísen de modo uniforme entre toda a poboación.

Para facer fronte a este desafío hai que impulsar a produtividade agrícola como un medio para aliviar a pobreza e reducir a fame nos Países menos desenvolvidos por medio de investimentos en regadíos e de mellora nos cultivos e o gando, que precisan de apoio e medidas de cooperación por parte dos Países desenvolvidos. Pero ademais tamén é necesario mellorar a produción agraria e a conservación dos recursos nos Países desenvolvidos para poder complementar a alimentación dos menos desenvolvidos.

Comentarios