martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

Pobo e plebe

CANDO O pobo se une para reclamar os seus dereitos ou manifestar a súa indignación, vexo cidadáns, dignidade, esperanza de futuro. Confeso que poucas cousas me emocionan tanto. No meu interior escoito a voz de Amália Rodrigues ou de José Afonso, o autor, a encabezar o canto de ‘Grândola, vila morena’ e a multitude secundándoos con forza, a se persuadir das palabras que a lexitiman: ‘O povo é quem mais ordena’. Fermoso.

Cando a turbamulta, a facer leña da árbore caída, increpa a imputados á entrada ou saída dos xulgados, ao rei nun evento deportivo, a un político pola rúa, vexo plebe, populacho. E sinto pavor. Para isto non teño música, só oio barullo e aquel berro bíblico: «Crucifícao». Turbamulta, como se sabe, é un conxunto grande de xente confusa e desordenada. Nin sequera é preciso que se cumpra a definición no relativo á cantidade, abondan un ou dous francotiradores verbais para me poñer pel de galiña.

Digo cidadáns ou populacho independentemente da clase social á que pertenzan, porque nin a dignidade nin a súa antítese son privativas de ningunha caste.

Porén, non é difícil entender que, nesta situación límite, haxa quen perda as boas maneiras e desabafe a berrarlle aos que considera culpábeis do estado do país.

Deixando á parte as condutas pouco exemplares da maioría das persoas apupadas, o certo é que por aquí adoitamos comportarnos como ‘hooligans’ , máis cerca do visceral que da racionalidade. Neste senso é ben gráfico o que relata a actriz María Casares, filla do político Santiago Casares Quiroga, nunhas súas memorias que puiden ler en tradución ao galego baixo o título de ‘Residente privilexiada’. Describe a escena en que o seu pai, xefe do goberno tras o triunfo da Fronte Popular, mira con indiferenza desde a ventá a multitude que o aclama diante da súa casa da Coruña, na rúa Panaderas, e pronuncia a profecía que se había cumprir pronto: «Veredes o que tardan en pedir a miña cabeza».

Malia todo, hai que valorar que estea a xurdir ou rexurdir unha maior sensibilidade verbo da honradez dos xestores da cousa pública. Antes da crise e seguindo unha vella e lamentábel tradición, había moita xente que consideraba normais as ‘mordidas’ dos políticos. Lembro terlle escoitado a un home referíndose a un alcalde: «Hai que seguir votando por el, porque a este xa o fixemos rico e se vén outro aínda o temos que facer». O certo é que moitas das cousas que están aflorando agora eran sobradamente coñecidas, mesmo ás veces denunciadas, sen que influísen nos resultados electorais. Oxalá que cando volvan as vacas gordas -se é que algún día volven- non regrese con elas a tolerancia fronte á corrupción.

Pobo e plebe
Comentarios