A Plataforma polo Río solicitou onte por escrito no Concello unha reunión «urxente» co novo goberno para coñecer de primeira man a súa postura con respecto ás obras do encanamento que quedan por executar, ademais de «intercambiar información, posibles puntos coincidentes e posibles accións comúns de ser o caso».
O colectivo veciñal, que no último ano promoveu, entre outras accións, unha denuncia contra o Concello ante a Comisión Europea e unha queixa ante o Valedor do Pobo por mor destas obras, asegura que Sarria segue a padecer unha «situación caótica» derivada da execución do encanamento.
En concreto, quere saber se o novo goberno municipal prevé «actuacións nos eidos xudiciais e/ou administrativos para adecuar as obras en Ponte Ribeira -paradas polo xulgado dende outubro- á normativa vixente en materia de protección do patrimonio».
Tamén se interesa polas medidas que tomará o Concello para poder reabrir o Camiño de Santiago e restablecer o tráfico neste punto.
Con respecto á ponte de Calvo Sotelo, cuxo derrubamento se contempla no plan, a Plataforma pregúntase se o Concello «vai amosarse preto do noso lado, se se vai poñer do lado da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) ou se non vai tomar postura».
O colectivo reitera a súa «disposición para o diálogo co obxectivo de encontrar solucións que permitan o retorno á normalidade na vila» e anima ao Concello a aceptar o ofrecemento do Consello da Cultura Galega para actuar como mediador nesta polémica obra.
Pola súa banda, a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, asegurou onte que a reunión coa Plataforma se celebrará ao longo da vindeira semana. Segundo comentou, a intención dos tres partidos era convocar este encontro o antes posible, pero retrasouse uns días polo peche do pacto de goberno e polas festas de San Xoán.
A rexedora visitou onte os traballos que se executan no Malecón xunto cos concelleiros Diego López (PSOE) e Efrén Castro (BNG), así como técnicos municipais e responsables da obra para supervisar a actuación e ver as posibilidades de pulir algúns aspectos.