Plataforma en Defensa da Montaña e do Rural

DESDE QUE a finais de 2007 a crise dos cobizosos empezou a sementar medo e indignación na sociedade, multiplícanse as manifestacións. A xente sae á rúa para defender o traballo. Para reivindicar o ensino público. Para manter a conquista da benemérita, barata e eficiente sanidade pública. Ou para defender as pensións dos vellos que garanten aos novos pan, quentura e teito. Non hai día do ano sen manifestacións na rúa. Se o poder e os gobernos non foran tan obtusos, decataríanse da bondade das protestas. Válvula de escape das tensións, alivian a presión que soportan as vítimas. E son unha catarse contra os canallas, culpables e beneficiarios da desfeita.

Pero, serven de algo? Que llo pregunten a Yanukóvich, expresidente de Ucraína onde unha oligarquía corrupta apoderouse da riqueza de todos. Hai que seguir protestando, ocupando prazas e rúas. E hai que ir máis aló. O camiño foi sinalado pola admirable marea branca da sanidade pública madrileña. Saíron á rúa. Manifestáronse en múltiples ocasións. Días de folga xogándose o pan. E unha organización potente para levar a cabo propostas en positivo. Crearon a súa asociación e pagaron a un prestixioso gabinete a de abogados para presentar batalla legal contra os depredadores. E gañaron.

Nun nivel máis cercano, aquí, na montaña de Lugo, un feixe de pequenos colexios tamén levou a cabo unha loita exemplar que vén de ser recoñecida co premio Rosalía en defensa do ensino público. Tratase da Plataforma en Defensa da Montaña e do Rural, creada por familias con nenos pequenos de O Incio, Cervantes, Triacastela, Navia, Pedrafita, As Nogais e Samos. O premio recoñece a mobilización e a intelixente loita na «defensa incansable das súas reivindicacións polo mantemento dun ensino público e de calidade e con garantías de continuidade nos pequenos municipios da montaña e do rural».

Esta plataforma de familias foi quen de organizar unha emocionante marcha polo Camiño de Santiago ata Fisterra, ou as concentracións para rexeitar recortes, redución de mestres e o estabulamento de nenos de varios niveis na mesma aula.

Saben ben esas familias, nunha paisaxe humana de vellos, que co desmantelamento do rural, co desvertebramento do territorio e co peche dos colexios, pobos e aldeas están condenados. Por iso hai que recoñecer e premiar a súa loita. Vai máis aló de manifestarse e berrar na rúa, bo e necesario. Significa tamén reunirse, falar e escoitar a todas e todos, trazar estratexias, organizarse, sentirse comunidade e loitar polo que é xusto e necesario. Para que as casas, os pobos e as aldeas de O Incio, Cervantes, Triacastela, Navia, Pedrafita, As Nogais e Samos sigan a termar da vida das persoas, para que siga saíndo fume das casas.

Comentarios