Plastilina animada por capítulos

Os pequenos gozarán de dúas series de animación audiovisual, feitas en Galicia e en galego, grazas á colaboración de OQO filmes e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG).

Trátase de ‘Caracois’, que consta de 26 capítulos nos que se visualiza o mundo das relacións infantís desde a perspectiva duns animais de xardín. Pola súa banda, ‘Os contos do Camiño’ combina narracións contemporáneas de autores actuais e contos populares que recrean universos plásticos innovadores.

A Televisión de Galicia (TVG) emitirá esta primavera ambas as dúas series infantís de animación audiovisual, feitas en Galicia en galego. En ambas as dúas series OQO Filmes, sección audiovisual de OQO editora, adapta os álbumes ilustrados da editorial ao formato audiovisual a través da técnica de animación stop-motion. A filosofía destas propostas remite a unha aposta de OQO Filmes por un entretemento para os cativos de calidade e en galego.

«A destacada presenza dos álbumes de OQO no mercado de librerías, bibliotecas e escolas galegas fai que os personaxes reflectidos nas series resulten xa próximos a milleiros de rapaces, que sen dúbida acollerán positivamente esta nova forma de contar historias a través de imaxe en movemento, da música e da voz», explican fontes de OQO filmes mediante unha nota de prensa.

«Deste xeito, os cativos verán como os seus personaxes favoritos dos álbumes cobran vida e saltan das páxinas dos libros á pantalla da TVG», enganden desde a televisión pública de Galicia.

Para os máis pequenos

‘Caracois’ está dirixida a un público de entre dous e catro anos de idade. Os capítulos, de seis minutos de duración cada un, están baseados nas historias de Caracois, unha serie de álbumes escritos por Armando Quintero e ilustrados por André Letria, editados na colección NanOQOs.

En ‘Caracois’ visualízase un mundo de relacións infantís desde a perspectiva duns animaliños de xardín: a súa forma de vida, as súas relacións, os seus xogos, conflitos, aventuras... a través duns protagonistas cunha psicoloxía predeterminada e precisa.

Aínda que a función de entreter é primordial, cabe na serie unha compoñente «didáctica» que axuda ao neno a ver, dunha forma inconsciente, condutas que comportan valores éticos e cidadáns fundamentais.

O traballo, a solidariedade, a amizade, o amor, o xogo como aventura e procura, o perigo, o medo... conforman un universo complexo de múltiples interaccións das que sempre se obterá aprendizaxe e diversión.

‘Caracois’ é, asemade, o punto de partida dunha campaña de animación á lectura que se está a desenvolver actualmente na cidade de Lugo, promovida pola área de cultura da Deputación de Lugo.

Deste xeito, os cativos de Lugo asistiron á estrea desta produción audiovisual durante o Nadal, cando as aventuras de ‘Caracois’ foron proxectadas no salón de ocio infantoxuvenil Xuvenlugo, que se celebrou no Pazo de Feiras e Exposicións.

A fabular

‘Os contos do Camiño’ combina contos populares e marabillosos que marcaron as distintas culturas con historias orixinais de autores contemporáneos, que recrean universos plásticos distintos e innovadores.

A serie consta de 26 capítulos de dez minutos dirixidos a nenos de tres a sete anos aínda que, en realidade, as historias poden ser gozadas por todos os públicos. Cada capítulo corresponde a un álbume ilustrado de OQO e presenta, así mesmo, composicións musicais creadas por músicos galegos.

Diferentes profesionais internacionais de prestixio firman cada unha das adaptacións. Entre eles, o recoñecido animador mexicano Luis Téllez, o arxentino Ismael Mon, o portugués Carlos Pinto, o premiado cun Goya á mellor curta de animación Coke Riobóo e o artista galego Iván Prieto.

Asemade, desde a TVG engaden que ‘Os contos do Camiño’ formaron parte da campaña de animación á lectura que baixo o mesmo título percorreu todas as escolas galegas co patrocinio do Xacobeo 2010 e a Axencia Europea de Cultura. Máis de 25.000 nenos participaron nesta iniciativa, unha das maiores campañas de animación á lectura de España.

E ADEMAIS. Recoñecemento en certames internacionais

  • ‘Os contos do Camiño’ foi candidata á Mellor serie de Animación na última edición do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia).
  • Este produto foi seleccionado na quincuaxésima edición do certame inter para nenos de Zlin (Chequia) e no Festival Internacional do Audiovisual de Barcelona, organizado polo Oeti, o Observatorio Europeo da Televisión Infantil.

Comentarios