A pintura como expresión

Carmen Gómez Mato expoñerá un total de 44 cadros nunha mostra que se inaugura este venres, en colaboración co Iescha, no auditorio municipal Carmen Estévez de Vilalba
Carmen Gómez Mato, con algúns dos seus traballos
photo_camera Carmen Gómez Mato, con algúns dos seus traballos

Hai aproximadamente 14 anos que a vilalbesa Carmen Gómez Mato decidiu adentrarse no mundo da pintura. «Sempre me gustou, pero foi por medio dunha amiga cando empecei. Animoume a ir a clases con Maximiliano López, unhas sesións ás que acudín durante cinco anos», conta esta artista afeccionada, que expoñerá por terceira vez na capital chairega algúns dos seus traballos, esta vez no auditorio municipal Carmen Estévez, e en solitario.

A mostra, que conta co apoio do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), entidade á que a protagonista lle está «moi agradecida», inaugurarase este venres, ás 20.30 horas, e poderá visitarse ata o vindeiro 25 de setembro.

«A xente poderá ver un total de 44 obras. Andaluzas, mariñas, abrazos, algún bodegón e, sobre todo, rostros e retratos, que son o que máis me gusta pintar», di Carmen, mentres puntualiza que para ela «na vida todo é expresión».

A exposición, que poderá visitarse ata o 25 de setembro, estará conformada por retratos, mariñas ou abrazos

A artista dedica os seus ratos libres a darlle con soltura ao pincel. «Hai días que boto unha hora, outros dúas. Depende. Pero nunca tardo moito tempo en acabalos», asegura a vilalbesa, que recoñece que a pintura é unha terapia de relaxación para ela. «Aínda que ás veces me poño nerviosa se non me sae como quero», engade entre risas esta muller optimista e cargada de enerxía, que non dubida en sumarse a calquera proxecto que se lle poña por diante.

Nestes longos 14 anos de afección á pintura, Carmen deseñou un número indeterminado de obras. «Xa perdín a conta», di cun sorriso, mentres explica que moitos dos seus traballos colgan das paredes da súa casa e tamén das de coñecidos e amigos. «Regáloos, porque senón xa non sei onde metelos. Algúns xa os teño nun desván», precisa.

Esa intensidade de creación artística vén dada por varios motivos. «Para min a pintura é unha maneira de expresar sentimentos, de comunicarse cos demais. Ademais creo que ao ser fillos dun Deus creador todos temos un destello que nos incita a crear, a facer algo. Uns pintan, outros escriben, e hainos que elaboran unha boa comida. Esta é, a fin de contas, a miña aportación», conclúe.

Comentarios