Piñeiro

NUNHA DESAS fotografías que un enmarca para situalas ocupando a parte do andel que queda por diante dos libros, que teño agora ben á vista e da que, creo, xa falei algunha outra vez, aparecemos retratados Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Carlos Casares e mais eu. Estamos na solaina da casa na que vivía Piñeiro, en Compostela, e era pola metade da década dos setenta. A foto fixéraa Isabel, a muller de don Ramón. Carlos Casares e mais un servidor lucimos cabelos e barbas mestos e escuros, Fole e Piñeiro, os dous de gravata, barbeados e coidadosamente peiteados para atrás. Todos catro sorrindo en resposta á demanda da fotógrafa e como correspondía ao momento.

A luz que reflicten as fachadas das casas de enfronte, na rúa Xelmirez, e mais a roupa que vestimos axúdame a situar a escena nun día de sol de empezos de primavera ou finais de inverno e a lembrar anacos de conversa e algunhas anécdotas, case todas elas protagonizadas por don Ánxel Fole e sempre recibidas cun sorriso, que eu ousaría cualificar de paternal, por parte do anfitrión. E todo isto pouco antes de que a min me dese o mal aquel que me tivera máis de un mes prostrado nun leito de La Rosaleda onde cada día Ramón Piñeiro rendía visita para conforto do meu ánimo e valemento do da miña compañeira, e facíao dentro daquela súa vocación misioneira entregada por enteiro ao servicio de Galiza e na que involucraba a familiares e amigos coa autoridade moral que lle outorgaba unha traxectoria, se cadra con rumbos máis ou menos discutibles de acordo coas formas e os tempos pero de cuxa honradez ninguén ousou dubidar nunca.

A el se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, que se celebra este vindeiro domingo, e iso implicou a aparición de biografías anotadas, estudios máis ou menos cumpridos sobre a súa obra, artigos en xornais e revistas, programas de televisión e tamén discusións e controversias sobre a importancia da súa figura no desenvolvemento da Galiza tal e como hoxe a temos. Hai, naturalmente, distintas posicións, ben argumentadas e defendidas desde diferentes planos que se fan públicas e das que están a participar —creo, así e todo, que está a se dar en menor medida do que sería desexable— xentes de idades e condicións diversas e iso é tamén, na miña opinión, parte tamén da súa contribución en favor deste noso País.

Volvo a atenderlle á imaxe e déixome vencer polas lembranzas.

E é que, á vista no andel ou gardada en algures, somos moitos os que temos algunha fotografía na que tamén está Ramón Piñeiro.

Comentarios