Pinches traditores!

Non se precisa entender o 'Finnegans Wake' en versión orixinal para saber cando unha tradución é bosta que xustifica a devolución dos cartos. Hainas ilexibles, de ter que deixar o libro antes da páxina 10. Non falo deses subtítulos de afeccionado...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

NUNHA OCASIÓN prendín o Twitter e o tradutor de Google e, en 127 caracteres, encanei na conta de Brett Martin unha pulsión homicida en defensa propia: "Hi, Mr. Martin. I love Difficult Men: Behind the Scenes of a Creative Revolution. But spanish traslation sucks. Best regards!". Incompleto o desafogo e cos dedos aínda arroutados, entrei en @EditorialAriel e espeteille: "La traducción de Hombres fuera de serie es una vergüenza. Si necesitan un editor o un corrector de estilo, yo llevo tres años en el paro". 

Non se precisa entender o Finnegans Wake en versión orixinal para saber cando unha tradución é bosta que xustifica a devolución dos cartos. Hainas ilexibles, de ter que deixar o libro antes da páxina 10. Non falo deses subtítulos de afeccionado que traducen –case sempre nun spanglish moi mexicanizado– "mariscal de campo" por "quarterback" e "tazón" por "superbolw". Nin de clásicos como o do tipo que colle o teléfono e di de si mesmo: "It’s Robert", e ti les "ES Robert"; ou o do adolescente á xaneira que babexa: "I met this girl superhot", e ti flipas: "Yo conocí a ESTA chica guapísima". E non pasa só neses diálogos que me poñen máis nervioso que un punto logo de signo de interrogación. No Carver que lin en Anagrama hai moito do que eu cría estilo, pero que agora me parece unha tradución moi sospeitosa. E o 1Q84 de Murakami non sei se será bo, porque abandonei á segunda hora cunha aguilloada carvalhiana de queimalo. 

A miña plusmarca de libros desafiuzados –2 % de lectura no kindle– batina o mércores pasado con No hay cuervos, de John Hart, aínda que a da culpa é Cristina Alegría –as que ti me taxas, honey–. "Ahora vivían en una casa de alquiler que pertenecía a Ken. ESTE ERA el propietario de unas cien viviendas, pero estaba convencido de que esa ERA posiblemente la peor; un estercolero apartado a las afueras de la ciudad. La cocina ERA pequeña, de metal verde y linóleo rayado que se levantaba por los bordes". 

Hai por aí traidores que saberán moito inglés, pero de español non teñen puta idea.

Comentarios