Pili Pampín: "Estrearme como presentadora tenme co nervio a flor de pel"

A cantante conducirá con Yolanda Vázquez o espazo diario 'Vivan as tardes!' na Galega ►Este programa de testemuños, coproducido por El Progreso e Zenit TV, chegará este mes
Pili Pampín
photo_camera Pili Pampín

O rostro e a voz de Pili Pampín son dos máis coñecidos do star system galego. Nos vindeiros días, a cantante coarase diariamente nos fogares dos galegos grazas ao programa de testemuños Vivan as tardes!, que emitirá a Televisión de Galicia de luns a venres e que suporá a estrea de Pampín como presentadora de televisión.

Logo dunha vida enriba dos escenarios e despois de terse convertido nunha presenza familiar e recoñecible na TVG, Pili Pampín admite que verse a poucos días de pasar de ser unha convidada en espazos televisivos a abrilles ás portas aos espectadores nun programa do que ela será a anfitrioa "impón respecto". "A verdade é que estou co nervio a flor de pel", confesa, "pero tamén todo o ilusionada que se pode estar".

Pili Pampín Nova presentadora de Vivan as tardes! Eu son falangueira e lingoreteira, pero o de presentar ou levar unha entrevista é outra cousa" 

Vivan as tardes! é un programa vespertino de testemuños que chegará ás pantallas nos vindeiros días deste mes de novembro. Trátase dunha coprodución de El Progreso e Zenit TV, responsables dun formato líder de audiencia na súa franxa como é Casamos!, e baixo a supervisión de Zaza Ceballos, responsable de éxitos como Rías Baixas, O Faro ou Arenal, a visitadora de cárceres.

Relata Pili Pampín que ela foi a primeira sorprendida cando recibiu unha chamada para reunirse con Zaza Ceballos e, seguidamente, a proposta de poñerse á fronte dun novo programa de televisión. "Non mo podía crer. Imponche que che propoñan algo así. Que alguén como Zaza che diga: "Contamos contigo; queremos que sexas a estrela do programa". Ser é un subidón, pero tamén pensas: "Miña naiciña!", rememora agora Pampín cando quedan só uns días para a estrea.

Explica que ela ten experiencia como xurado da Canteira de cantareiros do Luar e tamén cunha vis máis cómica como convidada noutros programas da TVG como O clan dos impostores ou Land Rober. "Eu son falangueira e lingoreteira, pero o de presentar e conducir un programa é outra cousa. Por moi afeita que esteas á tele, unha cámara sempre che impón. Isto é unha responsabilidade nova; saber como levar o peso dunha entrevista, por exemplo, que non é nada doado".

Nesta aprendizaxe, Pili Pampín está a contar coa inestimable colaboración e experiencia de Yolanda Vázquez, que será a súa compañeira no plató. "Estou encantada con ela e con todo o equipo técnico, de realización e de produción. É moi de agradecer como están de pendientes de min e todo o que se preocupan".

Vivan as tardes! é un espazo de testemuños "reais" que se dividirá en tres bloques, un primeiro para as historias de amor, outro para persoas que lle queiran dar as grazas a alguén e un terceiro, o parladoiro Falemos, que conducirá Yolanda Vázquez. "Son historias que pescuda o noso equipo de colaboradores, pero tamén haberá unha canle aberta e un teléfono para todas aquelas persoas que queiran relatar a súa experiencia".


"Non sei por que aos galegos nos poñen esa imaxe de rudos, cando somos agarimosos e, en confianza, abrimos a alma
"

Pili Pampín está certa de que o novo programa pode achegar "moitas sorpresas". "Non sei por que aos galegos nos poñen esa imaxe de persoas rudas e pechadas desde fóra, cando na miña experiencia somos xente ben agarimosa e que lle abrimos a alma á xente se nos sentimos no clima adecuado, en confianza".

Ela, pola súa banda, coida que pode achegarlle a Vivan as tardes! o continxente de seareiros que a siguen como cantante e como colaboradora televisiva desde hai varias décadas. "E logo está a responsabilidade de gañarme os outros públicos que non me coñecen e ese é o reto que teño por diante para non defraudar ao enorme equipo que me respalda".

A nova presentadora sabe que nunha situación actual, coa audiencia moi fragmentada e multiplicidade de canles, cada vez é máis complicado facerse un oco, ademais de que o público que está fronte a televisión nos seráns de diario nada ten que ver co de hai vinte anos. "Xoga ao noso favor que agora se vén o inverno e a xente se garda na casa", chancea.

Tamén, cun moi bo antecedente de cantante á fronte dun programa de televisión na lembrada Ana Kiro. "Ana era unha artista marabillosa que chegaba a moitísimo público. Ogallá eu poida lograr que os galegos se sintan identificados con Vivan as tardes!", conclúe Pili Pampín.

Comentarios