Martes. 25.06.2019 |
El tiempo
Martes. 25.06.2019
El tiempo

Pilar Sánchez: "As pinturas da igrexa de Marrube desaparecen a causa da humidade"

Pilar Sánchez
Pilar Sánchez
A Ribeira Sacra é rica en viño, músicos e patrimonio artístico, ademais de paisaxístico. En ambas as dúas beiras dos ríos Miño e Sil levántanse diversas construcións románicas polas que loita e traballa a asociación O Sorriso de Daniel dende a súa fundación, hai pouco máis dun lustro

"O románico sempre foi unha paixón para min", asegura Pilar Sánchez, historiadora de Arte e vallisoletana, afincada dende hai cinco anos na comunidade galega, onde leva tres traballando a favor do románico galego dende a asociación O Sorriso de Daniel. Un colectivo que xurdiu das inquedanzas de xente que se parou a observar o abandono dun rico patrimonio, sobre todo na zona do rural, e que pretende a súa defensa e difusión dende o traballo activo cos veciños. Canta xente forma a asociación O Sorriso de Daniel?

Non somos moitos, pero sempre que facemos actividades únesenos xente. Levamos facendo limpezas en templos dende o 2013 e tamén hai outras accións coma as rutas temáticas. A última que organizamos foi en abril, en Allariz.

A fin de semana pasada celebraron un encontro en Monforte. En que consistiu a xornada?

Durante as fins de semana de setembro e outubro temos actividades xunto coa asociación Vicente Risco. Son xuntanzas que mesturan románico, viño e música. Na que tivemos en Monforte realizamos un percorrido pola Ribeira Sacra, visitamos unha adega e acudimos a un concerto. Ademais, presentouse en Monforte o documental sobre San Paio. ‘A memoria da Abeleda’, de Iria Puga, no que se recolle a historia pasada a través das lembranzas dos veciños e expectativas de cara ao futuro. Todo isto resumido nuns 26 minutos de filme e que está na rede.

Como valoran a situación do mosteiro de San Paio?

Agora, pola nosa parte, fixémolo practicable. Ademais colocamos na porta da igrexa un carteliño co número de teléfono dunha veciña que de xeito altruista ofrece o seu tempo para ensinar o interior do templo, onde están eses xeniais capiteis. A pesar do noso traballo hai que consolidar os muros porque está en risco de virse abaixo e desaparecer para sempre.

Quen debería mirar por el?

Os responsables do monumento e do patrimonio galego deben tomar medidas coa construción. O mosteiro de San Paio posiblemente sexa a edificación da época medieval máis importante da zona ourensá da Ribeira Sacra.

"Hai interese polo románico da ribeira, pero a xente está cansa de reivindicar melloras no patrimonio do rural"

Cal é a máis especial da zona lucense da ribeira?

Non podo dicir só unha porque sería coma facerlle un feo a todas as demais. Na Ribeira Sacra lucense unha das pezas que precisan atención son as pinturas da igrexa de Marrube, no concello de O Saviñao, que están desaparecendo a causa da humidade.

Como se solucionaría?

Eu non son técnica en conservación e polo tanto non podería dicir como se arranxaría o problema, pero os responsables deben tomar consciencia disto e poñerlle fin.

Como se atopa o románico na Ribeira Sacra?

É descoñecido. Son obras dunha calidade de primeira magnitude e atópase que moitas delas están sen sinalizar e a xente non ten onde informarse. Cómpre atención a nivel técnico. Non hai asesoramento aos visitantes porque non existe un plan turístico que inclúa lugares tan especiais coma San Estevo de Ribas de Sil, a igrexa de San Miguel de Eiré ou a de Pombeiro, en Pantón, ou San Xoán da Cova, en Carballedo.

O Sorriso de Daniel está en contacto con outros colectivos que traballan no mesmo eido?

Temos moita relación coa asociación Colado do Vento na zona lucense da Ribeira Sacra e tamén con outros colectivos de Allariz e de toda a comunidade galega para coñecer o que fan porque ao fin e ao cabo todas as agrupacións traballamos na mesma dirección.

Hai conciencia e interese suficiente por parte da poboación sobre a importancia que supón que a zona sexa rica en arte románica?

Coido que hai interese, pero tamén que a xente está un pouco cansa de reivindicar melloras no patrimonio artístico que se atopa no rural. No caso de San Paio da Abeleda tivémolo moi claro porque cando chegamos sempre falamos dende a colaboración e tivémola en todo momento. Ao fin todas as persoas somos responsables do patrimonio, non só as institucións e os representantes da Igrexa.

Que iniciativas organiza o colectivo ao longo do ano?

Temos unhas actividades fixas e outras programámolas en función das necesidades que vexamos. Para o público organizamos rutas por diversos lugares da comunidade e tamén polo norte de Portugal, xornadas de portas abertas, coma a homenaxe que adicamos a Jaime Delgado, gran estudoso do románico en Lugo. Ademais, presentamos instancias á administración para que se enteren das deficiencias que presenta o patrimonio. Calquera pode participar e unirse a nós cando queira e tamén consultar as nosas iniciativas a través de internet.

Pilar Sánchez: "As pinturas da igrexa de Marrube desaparecen a...
Comentarios