''Pilar Rubio será una sorpresa''

Jorge Coira, na charla que ofreceu en Lugo. J. VÁZQUEZ
photo_camera Jorge Coira, na charla que ofreceu en Lugo. J. VÁZQUEZ

Jorge Coira defendeu a profesionalidade de Pilar Rubio como actriz protagonista en ‘Piratas’, que el dirixiu. O lucense augura que «vai ser unha sorpresa» o traballo da intérprete na serie, que asegura que Telecinco estreará «en breve, porque mesmo hai quen fala da semana que vén».

Coira, que participou onte no ciclo Xoves con Moda, que se celebra no Casa do Saber de Lugo, amosou a súa confianza no éxito deste traballo que vén de dirixir, tanto por estar «destinado claramente ao gran público porque é unha comedia de aventuras» como polo «apoio forte que lle vai dar Telecinco».

O director confía en que todo ese potencial, xunto co esforzo de Pilar Rubio, sirvan para que o fracaso da intérprete como presentadora en ‘Operación Triunfo’ non afecte a ‘Piratas’. Asume que ofrecerlle un papel protagónico a unha debutante «foi unha aposta de risco, pero nesta profesión hai que arriscar constantemente e esta aposta saíu ben porque ela non ten os recursos que pode ter un actor con máis experiencia, pero ten unha capacidade de traballo impresionante».

«Eu non teño ese medo, aínda que sei que con Pilar Rubio todo é difícil porque hai ideas preconcebidas, hai xente que a odia e xente que a adora», asume. Sabe que haberá espectadores «esperando un desastre porque hai moita xente que non lle perdoa que marchase de La Sexta para Telecinco». O realizador concentra ese público en contra da protagonista fundamentalmente en internet, «onde lle meten caña e que sabemos que cada vez é mais poderoso».

Diante de tanta axitación arredor dun único elemento dos numerosos que integran unha serie de televisión como a que el dirixiu, o lucense se resigna comentado que «non se pode facer nada».

O debut da protagonista non é o único de ‘Piratas’, porque Coira tampouco coordinou nunca unha rodaxe con espadas, aínda que si estivo á fronte de esceas de acción en ‘El comisario’. O realizador salientou que «o xénero de corsarios «é máis querido para min co policíaco. É un gustazo poder rodar unha abordaxe, con espadas e actores saltando dun barco a outro».

Entre mentres agarda pola resposta do público a ‘Piratas’, Jorge Coira continúa dando pulo á súa película ‘18 comidas’ animando a súa presenza en festivais, onde está conseguindo un respaldo continuado. «O máis bonito é que hai vilas ás que non chegara e nos están pedindo que organicemos proxeccións», sinala.

Por outra banda, está comenzando a venta internacional, sobre a que o director anunciou que «vai estar en salas nun país de Asia» e hai negociacións en Europa e América.

Esa cinta dará paso a outra que xa empezou a argallar, «pero que non vai moito que ver». Coira apuntou que «haberá historias cruzadas, pero tamén terá un guión máis marcado».

Comentarios