Perlas e perlusia

"HABRÁN (¿!) más radares este verano", dixo o director xeral de Tráfico o luns dia 29 de xuño, festividade dos apóstolos Pedro e Paulo, para quen quixese escoitalo no telediario do mediodía da televisión española. Pero a transcripción quizais sexa unha versión deste ounvinte que escrebe, e ao mellor o que dixo foi "Abraham, más radares este verano", unha orde imperativa a algún fámulo seu dese nome, tendo en conta que dada a sua voracidade recadatoria non é descamiñado pensar que se rodee de colaboradores de orixe xudia, dada a sona deste pobo no ámbito económico antes de se facer famosos pola política que leva o estado de Israel. Con todo, inclinámonos a pensar que o referido cargo público non domina o idioma oficial do Estado ao que serve, quizais porque lle importa mais dedicar os seus ocios á promoción dunha política autoritaria en demasia e pouco garantista a respeito dos dereitos humanos, que presume de éxitos realmente pírricos no que fai á disminución no número de sinistros mortais. En fin, todos sabemos o doado que resulta para o administrador dun campo de concentración reducir os gastos. Sinalemos logo, sen sorpresa, que o señor director xeral non sabe que o verbo "haber", usado como impersoal, non se conxuga en plural senón en terceira persoa do singular en modos e tempos. No caso que ocupa, que é o futuro simple do verbo, a frase teria que ser "Habrá más radares...". De nada.

Pero continuemos con este tipo de cuestións, logo de deixar ben patente a nosa escasa simpatia por algúns bordes, que din os modernos, e seguindo o fio dos dislates ocupémonos dun asunto xeograficamente máis próximo. O Consello da Cultura Galega --que como é sabido non ten competencias en Tráfico--, en colaboración cos concellos de Ribadeo, Santalla de Oscos e Cervo, organiza un ciclo sobre o Marqués de Sargadelos ao se cumprir ous douscentos anos do seu asasinato, festexado non hai moito baixo o rubro de "Un pobo contra o francés", con grande batifondo. Participan entre outros naturalmente, os habituais neste tipo de eventos, e das varias actividades está prevista unha "visita guiada ao pazo de Guimerán". Ha ser un bon conductor para dar con el, pois estes pagos non resulta coñecido, ainda que si o de Guimarán. Iso si, os concellos de Santalla e Cervo pasan a denominarse "Excelentísimos", ainda que non conten co correspondente nomeamento que sempre lle correspondeu á Casa Real. Xa temos sinalado en ocasión precedente a vocación repulbicana de algúns concellos do occidente de Asturias, que se negan a recoñecer un dos títulos expedidos pola Sua Maxestade o Rei porque ten como adscripción denominativa a Ria de RIbadeo. Para compensar, o Consello da Cultura Galega levado polo seu fervor monárquico, non só lle colocou unha coroa á serea que Castelao deseñou para o escudo de Galiza, senón que se atribúe competencias exclusivas do trono. Coñecemos un crítico literario que se asomou ás páxinas dun clásico, pero que pechou o libro cando na segunda liña atopou un pronome fóra de lugar. Isto non é para tanto, ainda que si unha brincadeira dirixida a científicos.

Comentarios