Perigos nas concesións

AS LIMITACIÓNS existentes para o financiamento de obras públicas é a razón principal para xustificar a súa realización mediante concesións privadas. Deste modo unha empresa realiza unha obra adiantando o seu financiamento que é pagado con posterioridade pola Administración ou ben esa empresa queda durante un amplo período coa xestión do servizo que financiou ese investimento. Ambas as dúas modalidades estanse a realizar ou xa se executaron en varias comunidades autónomas, entre elas Galicia, nos últimos anos coa construción de autovías e autoestradas e de hospitais públicos que despois se xestionan baixo un réxime privado.

O financiamento mediante este sistema permitiu realizar algúns investimentos que posiblemente non se tivesen podido realizar directamente pola Administración, debido ás limitacións presupostarias. É a súa parte positiva, pero a negativa está en que é unha fuxida cara a adiante levando máis débeda cara ao futuro para as próximas décadas, limitando así as posibilidades de actuación dos futuros gobernos e aumentado as cargas a soportar polas xeracións máis novas. A actual crise económica deixou ao descuberto que se podería ter prescindido de varias destas obras ou ben telas posposto no tempo.

Un caso especial son as concesións sanitarias, que nalgúns casos inclúe a construción do hospital, tal como se está a realizar en Vigo e noutros a xestión de hospitais existentes. Un recente informe sobre estas experiencias mostra que se está a realizar estas privatizacións sen que existan uns resultados que a avalen. A experiencia dos hospitais levados baixo esta xestión na Comunidade Valenciana non resultou en mellores resultados, a pesar de non contabilizar todos os custos e de tratar de derivar casos de enfermos con problemas especiais aos hospitais públicos. Hai ademais a experiencia doutros países como Gran Bretaña, onde a xestión privada de hospitais resultou nun custo superior ao que resultaría de recorrer ao endebedamento público directo para construír o hospital, polos maiores custos financeiros aos que se enfrontan os concesionarios privados e á súa propia marxe de beneficio.

O modelo das concesións tampouco deu bos resultados en varias obras públicas no pasado como no caso dalgunhas autoestradas, entre elas a nosa do Atlántico. O Estado tivo que crear a Empresa Nacional de Autoestradas de Peaxe (ENA) para evitar a quebra desas autoestradas, e a do Atlántico foi privatizada en 2003, despois de ampliar a concesión noutros 25 anos ata o 2048. Por iso preocupa esta nova onda de concesións, que terían que esixir un maior risco e compromiso da parte privada e mellorar a súa supervisión e control pola Administración.

Comentarios