Perigo, minas!

PARA ENTENDERMOS a crise económica mundial que estamos a padecer, é de moita utilidade a reportaxe de Michael Moore 'Capitalismo: una historia de amor". Baixo ese título en castelán, vin na Coruña esta película subtitulada. O autor de 'Bowling for Colombine' e 'Fahrenheit 9/11' ofrece na nova entrega a explicación dos motivos do derrubamento do soño americano. Os culpábeis de que moitos perderan as súas casas, empregos e aforros de toda a vida aparecen perfectamente identificados polo director da cinta. A controversia sempre o acompaña. Os defensores a calquera prezo do capitalismo brutal acúsano de populista, demagogo, catastrofista e moitas outras lindezas; mais a realidade é teimuda e está aí para lle dar a razón ou, cando menos, para demostrar que non nos engana ao indicar de onde procede o vento. Non é preciso ser un lince para decatarse de que a orixe da hecatombe está na ambición desmedida das grandes corporacións, na especulación que non se corresponde co valor real das cousas. A economía, que nas súas orixes trataba da administración da casa, 'oikós' en grego, é agora máis ben unha realidade virtual que devén real para zoupar na testa da súas tamén reais vítimas, nós.

Porque as gadoupas do capitalismo tamén deixan a súa marca na nosa pel. Si, mesmo na de quen non perdeu o traballo nin a vivenda. Na vida cotiá camiñamos por terreos minados e, a pouco que nos descoidemos ou aínda camiñando con cautela, as minas estalan. Os seus efectos non son letais, mais os nosos petos fican máis baleiros e as empresas, das que queiramos ou non temos que depender, máis ricas. Non falo do pago xusto por uns servizos, senón das trampas que arman para nos zugar máis. Por exemplo as empresas que xestionan o cobro da electricidade. Para calquera reclamación tes que chamar a un teléfono de pago e constatas como entre músicas, comprobacións e comprobacións das comprobacións, a cousa non baixa de dez minutos no mellor dos casos. Hai poucos días chamei para reclamar os meus recibos porque había meses que non me cobraban a luz. Estaba a falar coa persoa correcta, mais negouse a seguir atendéndome cando se decatou de que non marcara o número de pago. Outro tanto acontece coa banca. Non importa que non teñas descubertos, periodicamente aparecerán cargos de comisións que moitas veces nin che saben explicar. Como é posíbel que cobren por adiantar o pago nunha tarxeta que, de agardar ao vencemento, non tería gastos? Ah, polo visto por facelo desde a banca electrónica. Poderiamos seguir coas telefónicas, a SGAE e outras entidades, mais non é o caso. Hai cousas peores neste mundo ao revés, verbigracia que sexan máis áxiles tirando bombas sobre un país inimigo que alimentos, medicinas e tendas de campaña ás vítimas dun terremoto.

Comentarios