Pereiro afronta o Tour 'sen presión engadida'

O galego Óscar Pereiro, posible gañador do Tour de Francia 2006 se se confirma o positivo por dopaxe e posterior sanción do estadounidense Floyd Landis, asegurou onte que malia “a presión popular” afronta a próxima edición da rolda gala coa “mesma responsabilidade” que todos os anos.

“Existe unha maior presión pública, pero interiormente eu vou coas mesmas ganas, ilusión e responsabilidade que todos os anos”, sinalou Pereiro, tras participar en Vigo na gravación do anuncio promocional da Vuelta a España 2007.

Neste sentido, o ciclista de Mos, que aínda non foi recoñecido oficialmente como vencedor do Tour, afirmou que chega á proba francesa, que arrincará o próximo 7 de xullo desde Londres, “nun bo momento, quizais mellor que o ano pasado”.

Por outra banda, o corredor do Caisse D’Epargne, que participará o vindeiro domingo na contrarreloxo de Eindhoven, rexeitou, cun lacónico “no comment”, facer ningún tipo de declaracións sobre a carta que a UCI pretende facer asinar aos participantes do próximo Tour de Francia e na que deben manifestar por escrito que non están implicados en prácticas de dopaxe.

Comentarios