Perdóns

OS MÉTODOS e as argucias que os profesionais da publicidade utilizan para te levar ao rego dos intereses polos que eles se moven son tantos e, ás veces, tan sutís que non resulta nada doado diferenciar cun mínimo de certeza o que é información do que non é máis ca propaganda. A pretensión de nos facer actuar dun determinado xeito, modelándonos gustos e preferencias, non sempre circula polos camiños máis rectos nin asenta en esteos de cumprida honestidade. Os cartos que os anunciantes pagan para que se faga promoción dos seus produtos supoñen unha partida fundamental na conta de resultados das cadeas de radio e televisión e tamén na das publicacións impresas e dixitais e iso obriga á procura de calquera clase de estratexias que permitan persuadir ao consumidor e vencer a unha competencia que nunca deixará de loitar por ese mesmo espazo e a multiplicar os esforzos de aqueles que as deseñan.

Non hai moito tempo que as empresas comerciais -ou polo menos moitas delas- que patrocinaban cos seus anuncios un determinado programa de televisión decidiron retirarlle a publicidade en desacordo con algúns dos contidos que o conformaban, por pouco éticos e escasamente respectuosos, dixeran. A nova difundiuse de contado e a postura das compañías disidentes foi amplamente comentada e, polo xeral, moi enxalzada polos demais medios de comunicación que non dubidaron en publicar unha relación das marcas que, facendo gala duns principios dos que, ao parecer, aquel espazo carecía. Comezara un e, en vista do rebumbio que erguera, fóronse sumando os demais até que todos soubemos, mesmo os que nin sospeitabamos da existencia do tal programa e, polo tanto, non era nada probable que algunha vez chegaramos a ver algún dos seus anuncios, quen eran eles e o que era o que vendían, e iso sen que lles custase un céntimo a promoción. Aos poucos días, e cando xa desaparecera case de todo a atención que espertaran ao primeiro, os desconformes decidiron ‘perdoar’ -así dixeron- os pecados cometidos polos responsables do programa, concederlles unha marxe de confianza cuxa amplitude parece estar en proporción inversa á da atención que agora esperta a súa anterior actitude e agardar que, coa axuda do suposto escándalo, aumente substancialmente a audiencia, e canda ela, claro, a eficacia dos seus anuncios.

É o que ten iso de saber perdoar. Demostra grandeza de espírito e é algo do que mesmo o Goberno que din en funcións non dubida en dar exemplo indultando a un conselleiro delegado do Banco de Santander, pobriño el, para que non se nos esqueza o moito que lle debemos á publicidade. Supoño.

Comentarios