martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

Pepe de Cristos, Trapeiro de Honra en lembranza dos antigos músicos

Lareira de Soños escolleuno pola súa gran vocación. A vilarega Arantxa Álvarez, dos Satélites, entregoulle o premio.

A Casa Habanera de Guitiriz acolleu o acto de entrega da distinción Trapeiro de Honra 2016, un encontro «entrañable» no que os músicos de antes e de agora confluíron para renderlle unha merecida homenaxe a Pepe de Cristos, «un home de vocación e de compromiso coa música».

O proxecto Os Vilares, Lareira de Soños, quixo recoñecer con este premio, no que José López Díaz sucede a Xosé María Díaz Castro e á Romaría Labrega da Chaira, o labor de todas as orquestras da época, personificado nun home que chegou a ir andando ata a Costa do Sal, percorrendo uns 30 quilómetros para poder continuar coa súa formación musical.

José López Díaz sucede a Xosé María Díaz Castro e á Romaría Labrega da Chaira

Integrante da desaparecida orquestra Armonía, estivo acompañado por quen fora vocalista da mesma, Ricardo Rivera, quen, ademais de lembrar anécdotas do tempo compartido, lle rendeu tributo tocando unha peza aplaudida co saxo, o instrumento polo que Pepe tiña debilidade.

O acto tamén contou coa presenza do xornalista de raíces vilaregas Man Castro, autor dun libro que repasa a historia das orquestras da zona de Ferrolterra, co que agasallou a Pepe de Cristos; e da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, encantada desta homenaxe popular coa que tamén se lembra a outros dos grandes protagonistas da historia dos Vilares, os Trapeiros.

«Es ti o noso artista preferido, prometemos estarche sempre agradecidos», comentou Pastora Veres, responsable do proxecto Lareira de Soños, citando a Rosendo, logo de ler o texto que lle dedica no seu futuro libro ao músico Pepe de Cristos.

E foron as novas xeracións musicais da parroquia, e concretamente a vocalista da orquestra Os Satélites, Arantxa Álvarez, a encargada de facerlle entrega da distinción de Trapeiro de Honra, confesando a súa «envexa a estes mozos», dos que asegurou que «se eles non existisen, seguramente eu non estaría aquí».

Pepe de Cristos, Trapeiro de Honra en lembranza dos antigos músicos
Comentarios