"Postos a pedir, un escenario soñado sería Riazor cheo. Poñamos 30.000 persoas"

Pepe Capelán: "Quero transmitirlles o meu apoio aos traballadores do balneario"

O humorista do Bamboleo da TVG, apaixoado das motos Vespa ou membro da Agrupación Teatral Mariñán, será o encargado de pregoar, ás 23.15 horas da noite de San Xoán as festas patronais de Guitiriz, vila á que está vencellado polo seu pasado laboral, xa que traballou no balneario.
Pepe Capelán
photo_camera Pepe Capelán

Como o fai sentir o de ser pregoeiro do San Xoán?

Sempre que te chaman dalgunha vila para ser pregoeiro supón unha gran responsabilidade e ao mesmo tempo un orgullo. Sabes que para os veciños é un día importante, son as festas do seu pobo, e non queres decepcionalos.

Pode adiantar algo do que dirá?

Prefiro non desvelar nada, para que a xente se sorprenda co que vai escoitar ese día.

Traballou no Balneario de Guitiriz, como lembra esa época?

Traballei na súa reapertura, no ano 2004 creo recordar, como camareiro. Lembro aquel ano que pasei vivindo en Guitiriz e traballando no balneario con moitísimo cariño. Alí fixen amigos e tiven a sorte de coñecer a xente moi importante na miña vida. Todo son bos recordos daquela época.

E que lle parece a difícil situación que atravesa agora?

Dáme moita pena ver o estado no que se atopa actualmente. Xa non só polas instalacións, senón pola situación laboral dos seus traballadores. Quero transmitirlles todo o meu apoio e solidariedade.

"O Bamboleo para min éo todo, fixo da miña vocación a miña profesión. Levamos 180 programas e o meu obxectivo é continuar"

Presenta programas de televisión, é monologuista, está nun grupo... que impón máis, a cámara, o micrófono, o escenario...?

Penso que impón máis o contacto directo co público, o escenario. Cando estás nun plató de televisión non es consciente da reacción da xente nas súas casas e é un contorno máis controlado.

Hai algún programa polo que sinta un especial apego?

Para min foi especial ‘No mellor da vida’, un proxecto no que tiven a sorte de traballar dende cero, co meu gran amigo Omar Rabuñal. A idea orixinal foi nosa e toda a producción fixémola nós. Foi unha fermosa aventura que contaba a vida de xubilados e xubiladas de Galicia que aínda teñen moito que ensinarnos aos máis novos.

Que é o Bamboleo para vostede?

Éo todo. Grazas ao Bamboleo empecei a traballar no audiovisual, fixo da miña vocación a miña profesión. Podo dicir que todo o que sei da tele, aprendino aquí. E sigo aprendendo día a día, rodeado dun equipo de grandes profesionais comandado por Xosé Manuel Piñeiro, para min un dos mellores comunicadores deste país, co que é un pracer traballar e aprender.

Como xorde Fillos do Estramonio?

Nace nunha desas conversas entre bambalinas, unha tarde de gravación do Bamboleo. Varios membros do equipo empezamos a falar de música, e un tocaba o saxo, outro o baixo, a guitarra, o piano… e quedamos unha tarde para tentar tocar algo xuntos, a modo de ‘jam session’. Eu nos monólogos xa facía adaptacións de temas coñecidos ao galego con letras en tono humorístico, e decidimos adoptar ese formato. O noso único obxectivo é divertirnos e divertir ao público. Temos un espectáculo de case tres horas onde mesturamos clásicos do rock con letras en galego, con cumbias, baladas e partes de monólogo.

En que se inspira para darlle forma a un monólogo?

En xeral, e supoño que tamén pasa coa maioría dos cómicos, inspírome nas miñas vivencias persoais, no cotidiano. Sempre trato de sacarlle punta ao que me pasa, ao que vexo, ás noticias…

O humor hai que adaptalo? Pode funcionar o de aquí noutro lado?

Está claro que en Galicia temos o noso propio humor, a famosa retranca, e ás veces é complicado facer entender certas situacións que só se viven en Galicia para trasladalas ao resto do país. Pero tamén hai que dicir que o sentido do humor é universal, e que se pode facer humor de todo.

 

"É unha pena que hoxe se lle dea máis relevancia a un mocoso que fai vídeos na súa casa contando a súa vida, que a un cómico que leva máis quilómetros percorridos que o Castromil"

Cre que os humoristas teñen o recoñecemento que merecen?

En primeiro lugar deberíamos definir o que é o ‘recoñecemento’. Hai grandes humoristas recoñecidos pola crítica. Outros teñen o dos compañeiros de profesión. E outros, o do público. Creo que a comedia vive momentos difíciles no formato clásico, o monólogo ou como o chaman os americanos, o ‘stand-up’. Agora todo se vai a internet, todos queren ser ‘youtubers’, ter milleiros de seguidores nas redes sociais, e pérdese o contacto directo co público. Hai grandísimos profesionais en Galicia facendo comedia por bares que para min están nun pedestal porque son uns auténticos cracks, e porén, non teñen o recoñecemento esperado porque non son mediáticos ou coñecidos. É unha pena que hoxe se lle dea máis relevancia a un mocoso que fai vídeos na súa casa contando a súa vida, que a un cómico que leva máis quilómetros percorridos que o Castromil.

Cando foi consciente de que podía facer do humor unha profesión?

Pois aínda non son moi consciente, a verdade. Esta profesión é moi efémera e prefiro plantexarmo como unha etapa e aproveitala mentres dure. O humor como profesión? Máis ben podo dicir que o humor é a miña vida.

E onde se traza a barreira, a xente tómao en serio, séntese obrigado a ser gracioso?

A pesar de que o meu perfil é máis ben humorístico, non teño ningún problema cando me teño que poñer serio. A xente distingue moi ben a persoa do personaxe. Pero a verdade é que eu son un pouco así, un pouco paiaso, sempre estou con bromas, e cando a xente se achega a falarme, non teño que finxir nin interpretar: simplemente, son eu. E son de agradecer as mostras de cariño da xente que me recoñece pola rúa ou que se achega a saudarme. Realmente aí é onde te das conta de que o que estás facendo lle gusta ao público.

Algún proxecto de futuro?

O proxecto de presente e de futuro que teño chámase Bamboleo. Levamos 180 programas nestes seis anos e o meu obxectivo é continuar ata que a audiencia queira.

Comentarios