Pensar a vida

DEFINIR EN que podería consistir a vida é un dos grandes retos que o pensamento e a ciencia tiveron pendente durante moito tempo. Factores como a imposibilidade de explicar a súa orixe, a multiplicidade de formas de manifestarse en inabarcables tipos de seres vivos que parecen permanentemente incompletos e, incluso, a consideración dunha vida espiritual que se superporía á vida material e que a continuase cando desaparecese, deixaban como consecuencia que nunca se chegase a unha definición satisfactoria.

Os intentos filosóficos por definila chocaron coa imposibilidade teórica de que a materia inerte adquirise por si mesma vida e pasaron así a definila en función dun elemento que a introducise na materia, a alma. É evidente que na alma podemos rastrexar unha orixe relixiosa -mesmo dentro da filosofía-, pero, é este, un concepto que se introduce en estruturas de pensamento tan materialistas como o atomismo,para o cal, como para Aristóteles e outros, a alma como dadora de vida, como alento vital, se perderá cando o ser vivo morra. En cambio os pitagóricos, Platón e, en xeral, as relixións, adoptaban a posición contraria, pois consideraban que ese hálito vital sobrevive ao organismo material, ou incluso xa existe antes.

Como definiriamos hoxe a vida? Desde os coñecementos adquiridos nos últimos anos, cabe situarse á marxe dos prexuízos anteriores e tratar de asumir unha definición, que por culpa deles, non parecemos moi dispostos a aceptar, dado que nos mantemos nas malas definicións do pasado aínda que as evidencias científicas actuais nos mostren outros camiños.

Seguindo a estela da bioloxía, da química, da física e, en xeral, do coñecemento científico, poderiamos considerar que «a vida consiste en sistemas físicoquímicos autoorganizados, integradores, autónomos e replicantes de si mesmos». Estes sistemas constitúense nun primeiro momento como asociacións inertes e darán paso co transcurso do tempo a complexidades orgánicas e posteriormente a seres vivos, desde os máis primarios, ata o home, con capacidade de raciocinio. Mario Bunge define este proceso como emerxentismo e hoxe iniciámolo na enerxía, que dá lugar á masa, da que emerxe a materia inerte. Así pois o proceso inaugúrase, polo que sabemos, na enerxía, que tal como define Einstein, «nin se xera nin se destrúe, só se transforma».

A definición dada parece mostrarse o suficientemente ampla como para abarcar calquera sistema vital, aínda que falten nela os elementos, digamos, espirituais e, desde logo, os transcendentes. Non están porque seguimos sen saber tras varios milenios de permanencia dos mesmos, cal é a súa xustificación para que adquiran algún peso na definición, ou sequera, cales deben ser (téñase en conta a multitude de explicacións filosóficas e relixiosas e a disparidade das mesmas). Se falamos de alma, alento vital, hálito ou similar, de que falamos exactamente?

Ten sentido esta reflexión a día de hoxe xa que nesta sociedade estase a debater sobre unha polémica imposta arbitrariamente polo poder lexislativo acerca dunha nova regulamentación do aborto: se é posible abortar nalgún caso, se se pode consentir abortar no caso de malformacións do feto -que non do neno-, ou de violación dunha muller -que non da nai-. A escisión social sobre o tema é palpable e manifesta, e require algunha matización.

A solución é máis sinxela do que parece, e dende logo máis de sentido común do que as nosas autoridades están dispostas a poñer enriba da mesa: a vida é un proceso, non hai un momento definido de transición, pásase da unión de dúas células á formación dun ser humano nun período algo superior a nove meses. O que hai nun primeiro momento carece da consideración de humano, do mesmo xeito que un motor e unha roda non constitúen un coche, pero unindo elementos nunha cadea de montaxe ou multiplicando células nunha xestación, acaba fabricándose un coche ou nacendo un ser humano. E non estou facendo equiparables ambos procesos, por se alguén carece de habilidade lectora, simplemente ilustrando que os procesos teñen un inicio, un desenvolvemento e un final e o que resulte no final non é igual a cada un dos elementos que compoñen o proceso. Polo mesmo, nunha xestación hai evidentemente un principio, un desenvolvemento e un final. O inicio é a unión de dúas células, o desenvolvemento un proceso complexo suxeito a múltiples transformacións físico-químicas (hormonais, asimilación e síntese de nutrientes, duplicación e especialización de células,...) que levarán ao asentamento, consolidación e desenvolvemento do feto, e un final co que rematará a xestación, que será, ben un aborto (espontáneo ou provocado), ou o nacemento dun novo individuo.

Sigo sen falar da alma, pois sería partidario como algúns escolásticos de que aparecera no feto despois do nacemento, nunca antes, concretamente, a alma, de incorporarse ao corpo, debería facelo cando o neonato logra vivir completamente separado da nai, é dicir, co primeiro pranto. Así conseguiríamos harmonizala co Código Civil actual, no anterior, tiña que esperar 48 horas que era o que se tardaba en recoñecer ao neonato como persoa, e xa se sabe que só as persoas temos alma, pois os animais e resto de formas vivas carecen dela. Opóñome, polo tanto, a que a alma apareza infusa no primeiro momento da unión de óvulo e espermatozoide. É unha falta de respecto indigna aos elementos inmateriais mesturalos de xeito tan soez co mundano, prosaico e carnal.

(Publicado en la edición impresa de El Progreso el 29 de marzo de 2014)

Comentarios