lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

A pel tan fina dos políticos

ANTES e despois da Semana Santa, cada día é Venres de Paixón para os que perden o traballo (6 millóns), aforros (700.000), a casa (450.000). As procesións mudan en manifestacións. Como os políticos non están, a xente pregunta por eles. «Os políticos?, andan no seu». E o seu rara vez coincide coas demandas sociais, coa angustia das persoas. Á falta de política queda a rúa como ágora de reunión e solidariedade. Aparecen plataformas de defensa, unha das máis activas, a que loita contra os desafiuzamentos. E se algúns se deben á mala cabeza de quen firmou hipotecas por riba da liña de flotación da economía familiar, centos de miles perden a casa porque lles expolian o traballo ou lles aplican cláusulas delincuentes. Xúntanse para dar saída á frustración. Máis vale, porque este sistema económico, bo para hienas e quenllas, lles sitúa no bordo da rebelión social. Recollen millón e medio de firmas, nunha iniciativa lexislativa popular que topa contra o valado insensible da maioría absoluta do goberno. Nada que facer. Tamén bateron contra o goberno anterior, que esqueceu a identidade progresista permitindo o dereito de pernada dos bancos cunha lei hipotecaria cruel e abusiva, condenada en Europa.

Así que queda sacar as cores a diputados cegos, xordos e mudos. E irresponsables políticamente. A man que manda votar si, non, abstención rememora as Cortes con lacaios axeonllados diante de Fernando VII, parvo absoluto: «lonxe de nós a funesta manía de pensar». E de dubidar. Porque chama a atención que sempre voten en bloque, sen cuestionar nada, nunha ditadura de partido disfrazada de disciplina parlamentaria.

Nun sistema económico que non tolera disidencias, o que berra é un antisistema, o que protesta é un ‘perroflauta’, o que asubía é un extremista. Xente decente é alcumada de nazi por ignorantes do nazismo, acusada de filoetarra por se enfrontar cos corpos, berros e pancartas a unha lei inxusta. Son excesos propios de irresponsables políticos e de medios de obediencia subvencionada que cargan con saña contra os que defenden o pan e o sal, o lume sagrado da casa, o teito protector sobre os fillos.

Os políticos, meus pobres, non soportan berros desde a beirarrúa, nin que os que tanto perderon perdan tamén as formas. Entende esa xente que o deber do Estado é acubillar aos desvalidos: os bancos?, as Caixas saqueadas? Non entende esa xente que cando queda á intemperie os políticos anden no seu, blindando privilexios, en coches oficiais que impiden ver a realidade, detrás do cordón policial que afasta Parlamentos da dor dos esquilmados. Míranse os políticos no espello da xente da rúa e descóbrense espidos. A súa pel tan fina non soporta os insultos catárquicos dos que xa nada teñen que perder.

A pel tan fina dos políticos
Comentarios