Pedra que conta historias

O vilalbés José Gómez de Bernardo desenvolve o seu gusto por tallar a pedra na Escola de Canteiros de Poio, na que fixo varias obras que están expostas en diferentes concellos
José Gómez traballando na pedra
photo_camera José Gómez traballando na pedra

Hai cousas que se levan no sangue, detalles que quedan na memoria, que de entrada pasan desapercibidos e despois van marcando o camiño. A afección dun dos seus avós por tallar madeira foi o que levou ao vilalbés José Gómez de Bernardo a anotarse nos cursos de Clara Naseiro. Dende iso, unha cousa levou a outra e actualmente está a piques de rematar a súa formación na Escola de Canteiros de Poio.

Daquela, traballaba colocando pedra e lousa en obras e restaurando casas. Ao comezar a tallar a madeira, quixo pasarse ao material que centraba a súa vida laboral, no que tamén quería «facer cantería fina».

O centro de formación en cantería permitiulle aprender e mellorar a súa técnica, ata o punto de que xa conta con varios traballos expostos en distintos concellos, como Bueu, onde participou nun mural de relevos con outros compañeiros; Moraña, cun dos dez carneiros dunha escultura conxunta sobre a Festa do Carneiro ao Espeto; Poio, cun monolito para o Bosque das Mulleres; ou Marín, coa elaboración dunha pía bautismal para a Escola Naval Militar.

Pero unha das obras máis especiais que realizou ultimamente non saíu da Escola de Canteiros, senón dun certame do Concello de Ponteareas, que pedía maquetas para facer unha escultura sobre o cancro de mama. «Gañou a miña, que era o símbolo do cancro representado polos brazos dun home e unha muller e un libro no que se tallou unha poesía», explicou José, que xa traballa noutra escultura cargada de emoción.

«Pedíronnos na escola unha representación dun oficio tradicional e como o meu avó foi zapateiro vou facer un a tamaño natural. Xa o modelei en barro e estou pasándoo a pedra», explica.

Cando remate este curso, buscará de novo traballo, consciente de que «de escultura non hai», pero seguirá coa cantería «como afección ou traballo a tempo libre», participando nalgún certame ou acudindo a algunha feira cun posto, como fixo na última edición do Festival de Pardiñas, ao que foi por primeira vez como artesán. «Oxalá se fixera algo deste tipo en Vilalba para participar nel tamén», apunta, ao tempo que recoñece que lle gustaría poder ter algunha obra na vila.

Comentarios