A pé de rúa

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

A RELACIÓN investigadora entre o nazismo e España é insólita no contexto europeo: practicamente non hai un país que teña dedicado menos literatura histórica á emerxencia do réxime nazi e as súas consecuencias máis terríbeis: a Segunda Guerra Mundial e o Holocausto. Cando un historiador español ten que falar de Hitler e dos nazis, as probabilidades de que o tema tratado sexa a participación alemá na Guerra Civil ou o encontro de Hendaia —o uso de Galicia como lugar de instalación de antenas como alternativa local— son moi altas.

Vén a cambiar en certa medida este panorama a obra Nazis a pie de calle, obra do historiador Jesús Casquete publicada por Alianza Editorial. O autor é profesor de Universidade en Euskadi pero levou a cabo o seu traballo en Alemaña, onde está vencellado ao Centro para a Investigación do Antisemitismo. Por aquí tamén vai escasa España, quizais por aquilo de expulsar aos xudeus cando en América había só indíxenas e deixar Castela e Aragón feitas un solar económico.

Debuxa Casquete nesta obra unha historia das S.A. (Seccións de Asalto) durante a República de Weimar, aquel réxime tan excepcional e imitado —polo menos constitucionalmente— que rematou como rematou. As S.A. son o aspecto comparativamente menos estudado do nazismo, xa que o seu valor para o terríbel movemento produciuse en tempos de preguerra e foi afogado por Hitler cando percibiu que o seu xefe, Erich Röhm, podía ser un perigo para o seu delirante liderado.

Cunha forte atención á documentación, tanto pública —sobre todo xornais da época— coma privada —por exemplo, os expedientes policiais das diversas confrontacións entre comunistas e nazis—, pescuda Casquete a realidade das S.A., marcada polo seu fanatismo e por un elemento común ao réxime fascista: a mentira. Demostra o autor con datos a grande distancia entre a realidade e a ficción manipuladora creada pola propaganda nazi para vitimizarse e atraer ao seu movemento o meirande número de persoas na década dos 20 e a principios dos 30.

Neste esquema de feitos, as leas entre pequenos grupos comunistas e nazis convértense en batallas campais de 400 contra 10, as mortes nese contexto de agresións mutuas en asasinatos a sangue frío e os falecidos en accidentes en mártires. Ao extremo máximo de adoración chégase con Horst Wessel, convertido nun anxo fascista por obra e graza de Joseph Goebbels.

Porén, dous dos capítulos máis turbadores dende a óptica deste crítico chegan no tramo final do libro. Calquera lector minimamente informado está preparado para os argumentos sobre propaganda e manipulación, pero non todos para afrontar a culpabilidade da sociedade alemá mesmo nunha fase tan prematura daquel réxime. A escrupulosidade nazi demóstrase na contratación dunha serie de pólizas de seguro bastante amplas, que non fracasaron por andrómenas das compañías aseguradoras senón porque —hai cousas que non cambian— os afiliados non pagaban as cotas.

Despois atopamos un dos temas que Daniel Jonah Goldhagen puxo en escena hai vinte anos con toda a súa crueza: que papel tivo a sociedade en xeral nos crimes hitlerianos? Os testemuños recollidos por Jesús Casquete amosan que xa nunha etapa temperá a democracia cristiá foi moi tolerante cos nazis, antes de que o nuncio Pacelli —despois Pío XII— elixira poñerse de perfil á hora de condenar a aqueles que estaban a varrer aos sinalados no Syllabus de Pío Nono.

Probabelmente este libro non sexa unha grande sensación noutros mercados e pasará aos estantes da enorme bibliografía sobre o fascismo. Pero no ámbito español trátase dunha obra de valor importante tanto polo seu enfoque coma por un estilo accesíbel e limpo que chama á lectura dende o primeiro intre.

Comentarios