sábado. 06.03.2021 |
El tiempo
sábado. 06.03.2021
El tiempo

Paz-Andrade: ''Calquera das facetas de meu pai reúne méritos para este recoñecemento''

Afonso Paz-Andrade, fillo do protagonista do Día das Letras Galegas 2012, Valentín Paz-Andrade, define a seu pai como "unha figura tutelar" e un "visionario" con conceptos "definidos do que tivo que ser Galicia e que teñen vixencia aínda hoxe".
 
Nunha entrevista, o empresario vigués atribúelle ao seu proxenitor un "impresionante don adivinatorio" e asegura que "calquera das súas facetas reúne méritos suficientes como para que tivese este recoñecemento (as Letras Galegas)".
 
Afonso Paz-Andrade sostén que "con maior ou menor brillantez" seu pai foi "un visionario" e que nos anos trinta pronunciou varias conferencias "reclamando a autonomía para Galicia, onde aludía á falta de equidade existente na achega do Goberno central".
 
"Aínda sendo profundamente galego e radical no sentido etimolóxico do termo, Valentín era un home proxectado ao mundo", asegura.
 
Tras recoñecer que seu pai foi "un deses ecos que de cando en vez aparecen en Galicia", sinala que o seu discurso era "absolutamente coherente coa súa acción". "Era un home de realidades e de executar, e como tal, tivo acertos e equivocacións", destaca.
 
Da mesma forma, Afonso Paz-Andrade recorda que o Estatuto de Autonomía de Galicia foi posible grazas a que seu pai, con 82 anos, "foi o único galego chamado a formar parte da comisión dos nove que negociaron a Transición", con outros políticos coma Jordi Pujol ou Adolfo Suárez.
 
Afonso Paz-Andrade recoñece que non recibiu consellos de seu pai, porque "non era moi dado" a dar recomendacións. "Foi exemplar no que facía e era un home que dialogaba cos silencios, de modo que había que saber interpretalo", comenta.
 
A pesar diso, o empresario vigués indica que tanto el coma seu fillo estiveron sempre "profundamente influídos" por Valentín, algo que ve "lóxico" dada a súa "densa personalidade".
 
Tampouco se esquece Afonso Paz-Andrade de recordar o "don adivinatorio" do seu proxenitor para "o futuro do acontecer económico".
 
Acerca do ocorrido coas caixas galegas, Afonso Paz-Andrade recoñece que seu pai "levaría un gran desgusto", posto que unha das súas "insistencias" era "a importancia que para Galicia tiña ter varias institucións financeiras" para responder "ás necesidades do empresariado" galego e lograr unha "facilidade de financiamento aquí, en Galicia".
 
"Infelizmente, ese músculo financeiro galego do que el ás veces falou perdeuse co sucedido coas caixas e coa absorción de Banco Pastor", aseverou.
 
Sobre o Estado das Autonomías, Afonso Paz-Andrade ve algunhas "absolutamente artificiais", e cita a Madrid, Castela-A Mancha ou Cantabria, "que non posúen arraigamento, nin idioma, forma de ser, cultura, arquitectura propia e lexislación". Ao seu xuízo, isto provocou que se desmembre "o concepto do Estado".

Paz-Andrade: ''Calquera das facetas de meu pai reúne méritos para...
Comentarios