O verán é, tamén para moitos, tempo de lecturas feitas á marxe de calquera obriga, sexa esta da natureza que for, e tamén de ruídos, présas, insomnios e outras tiranías. Para quen goce de maneira regular ou ocasional co pracer da lectura, os días estivais ofrecen horas brancas que non é preciso roubar á rutina da xornada.
Sabedores disto, os diversos axentes do mundo editorial coidan a súa oferta exposta nos andeis das librarías e nas casetas das feiras do libro para chegaren aos diferentes sectores coas súas novidades e produtos estrela, entre os que nunca faltan a narrativa e a literatura infantil. Algúns lectores e lectoras resístense porén ás imposicións editoriais rexidas pola novidade e o marketing e rescatan libros que foron adiados por falta de tempo, agasallos esquecidos, tesouros atopados entre o po das librarías ou encadernacións vencidas polo tempo adquiridas en tendas de vello e postos de segunda man.
Con estas e outras escollas, imos construíndo a nosa particular biblioteca do verán, unha biblioteca con vistas ao mar, á paisaxe exótica ou á aldea dos pais, unha biblioteca de area e sal, de herba, de páxinas adurmiñadas nas longas tardes estivais.
Se ler é, como se adoita afirmar, una aventura interior, a lectura pode abrirse a novas dimensións nuns días nos que todo semella disposto para convidar precisamente á aventura e á alteración da rutina. É por iso polo que estaría ben reservar un oco, tamén nas nosas lecturas, para a aventura e o risco: a caída libre desde o cume da
ficción, o sendeirismo por paraxes descoñecidas, o descenso de augas bravas e, sobre todo, a exploración de novas paisaxes, novos xéneros, a miúdo esquecidos ou asociados
a experiencias académicas ou doutro tipo, alleas en calquera caso ao lecer, como son a poesía e o teatro. Sería igualmente saudábel baleirar a mente de prexuízos para
achegarnos ás páxinas do descoñecido e deixarnos levar, igual que camiñamos pola area ou percorremos quilómetros cara a ningures gozando do vento da liberdade.
Na memoria íntima e selectiva do verán, talvez quede gravada algunhas destas páxinas que volverán a nós envoltas nun determinado arrecendo e enmarcadas nunha paisaxe (un areal, a ventá dun autobús ou a sombra dunha viña), como se collesen corpo e tivesen voz e sabor. Poderemos volver ler ese mesmo libro e as palabras levarannos sempre a ese
pequeno paraíso no que a ficción se fundiu, nunha hora máxica, coa realidade do noso arredor.
O verán é tamén para moitos tempo de lecturas, aconselladas ou azarosas, sistemáticas ou desordenadas, arriscadas ou sobre seguro, que deixarán, aos máis afortunados, pequenos paraísos perdidos entre os recordos estivais.