Paxariños piadores

Teño idea de que boa parte da sociedade non é consciente da profunda crise económica que se abre baixo os nosos pés. As voces do abismo chegan amortecidas polo ruído mediático, polo balbordo electoral e a leria dos peritos que confunden a economía política coa autoaxuda.

Para non ser menos que eses profesionais do optimismo, atrévome a receitar un pouco de música. Chesterton deixou escrito hai moitos anos este consello: “Necesitariamos cancións para infundir valor en épocas de crises financeiras, unha melodía cun metro impetuoso e estremecido polo pánico, como o trote dos cabalos na noite”. O xenial creador do padre Brown admirábase de que existisen numerosas cantigas gremiais (por caso os cantos de seitura ou dos mariñeiros) e ningunha que puidesen entoar os oficinistas ou caixeiros de banco.

Se os seitores cantan durante a sega –preguntábase– ¿por que non cantan os auditores mentres auditan? Por iso propuña coplas para que cantaruxasen os bancarios: “Hai unha oferta de compra do banco. ¡Apartádevos! O director é un inepto, o xerente bebe e o Banco dos Borrachuzas vai a pique!” Póñanlle un alegre fondo musical xamaicano e terán un himno axeitado á conxuntura das caixas de aforros galaicas. Non sabemos se este Natal haberá paga extra, pero quen nos priva de ensaiar panxoliñas?

Comentarios